Oficina CEER
 17-10-2012
ESTA SEMANA COÑECERANSE OS PROXECTOS QUE PARTICIPARÁN NO ACELERADOR DE TRANSFERENCIA DA USC

O comité avaliador reunido estes días en Santiago decidirá qué iniciativas apoiará que contan cun impacto directo dos seus resultados na sociedade.

Coa fin de detectar resultados de investigación con potencial de transferencia, a Universidade de Santiago deseñou un Acelerador de Transferencia aberto aos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento. Logo de varios meses de reunións dos técnicos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC cun equipo de profesionais da Universidade de Oxford, esta semana o comité avaliador do acelerador dará a coñecer os proxectos que, tendo en conta o seu grao de madurez, expectativa de retorno e adecuación ás características deste programa, foron finalmente seleccionados.

Este novo programa da USC foi lanzado o pasado mes de xuño con fondos de Campus Vida e ten por obxectivo conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados obtidos polos laboratorios e centros de investigación da Universidade compostelá. O Acelerador de Transferencia financia só accións críticas que permitan que un resultado de investigación incremente de xeito claro as súas posibilidades de captar a atención dun potencial cliente, e polo tanto o seu achegamento ao mercado.

Ademais do grao de madurez do proxecto, valóranse especialmente criterios como o grao de novidade, a importancia da necesidade social que busca satisfacer ou a súa potencialidade comercial e, nos casos nos que este factor é importante, a posibilidade de protexer os resultados obtidos mediante patentes ou mecanismos similares. Baixo estes requisitos, nos últimos meses presentáronse 25 propostas dos diferentes grupos de investigación como candidatos a formar parte do grupo inicial de proxectos asesorados. Agora o comité avaliador (formado por representantes da USC, de ISIS Innovation de Oxford e expertos en innovación de diversas empresas autonómicas e estatais) dará a coñecer os seleccionados entre os once que finalmente foran preseleccionados.

Fonte: xornal.usc.es