Oficina CEER
 18-10-2012
LEO BASSI OU A PROVOCACIÓN COMO LINGUAXE

Estrea da programación cultural. O público arroupou ao cómico italiano no salón de actos da Facultade de CC Económicas e Empresariais.

Había moitas expectativas e non defraudou. O público arroupou a Leo Bassi na estrea da programación cultural e foi o seu cómplice en todos os ‘xogos’ que propuxo. Cunha provocación sofisticada e un discurso amplo, chegou ao campus en plena campaña electoral para repasar en pouco máis de hora e media o mellor do seu repertorio e, nin a relixión, nin a banca, nin o capitalismo, nin a propia política escaparon á crítica libre dun cómico que tras debutar no circo con tan só sete anos coñece o oficio como poucos.

Polémico coma poucos, admirado por uns e vituperado por outros, Leo Bassi volveu traer o espectáculo á Universidade de Vigo, neste caso ao salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, un auditorio amplo que permite acoller moito máis público ca o Teatro Vidal Bolaño no que habitualmente se celebran as actuacións culturais do campus de Vigo. Coas informacións do día a día como principal fonte de inspiración, a actualidade entrou de cheo no seu espectáculo The best of... facendo mofa e befa de todo canto acontece no panorama actual, foi a súa particular visión da crise, non só económica, senón cultural e social que se está a vivir en toda Europa. Así o espectáculo repasou os intres máis divertidos de obras como Insultos ocultos, A revelación ou A vendetta... “textos” que como o propio cómico recoñeceu “son parte da miña vida”.

Foi unha tarde dedicada ao humor na que, pese a todo, os asistentes saíron do espectáculo con esperanza no futuro e, sobre todo, moitas ganas de rir.

Fonte: duvi.uvigo.es