Oficina CEER
 19-10-2012
UN PROXECTO IMPULSADO POR UNIVERSITARIOS DE SANTIAGO E VIGO COMPITE ENTRE OS FINALISTAS DO PREMIO REDEMPRENDIA ‘DA IDEA Á ACCIÓN’

Tres emprendedores novos galegos, entre os que se atopa un investigador do Laboratorio de Sistemas do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, son os promotores de ‘Use Feeling’, aplicación gratuíta para teléfonos intelixentes que se atopa entre as propostas finalistas da primeira edición do Premio RedEmprendia ‘Da idea á acción’. O obxectivo desta proposta de Diana Candelero, Luis Manuel Morán e Moisés Vilar é poñer a disposición no móbil dos/as usuarios/as todas as ofertas e oportunidades de ocio, cultura e negocios da cidade na que se atopen.

‘UseFeeling’ ofrece unha plataforma de comunicación para que os propietarios de establecementos e locais de ocio promocionen as súas ofertas e eventos “de forma sinxela e en liña”, facéndoas chegar directamente ao móbil dos seus potenciais clientes. Estes poden, ademais de recibir as propostas, conectar con amigos da súa mesma cidade e competir entre eles cumprindo diferentes logros o retos que propón a aplicación.

A final se celebrará en ‘RedEmprendia Spin2012’.
O proxecto competirá agora cos 12 finalistas nesta primeira edición de ‘Premio RedEmprendia da Idea á Acción’, procedentes de España e outros cinco países. A final, na que un representante de cada proxecto deberá defender a súa idea de negocio ante un xurado, desenvolverase no marco de RedEmprendia Spin2012, foro internacional sobre emprendemento universitario que se celebrará en Madrid (España) os días 27 e 28 de novembro. Nesta proba resultarán elixidos os tres gañadores, que viaxarán a formarse a Babson College en EEUU, institución mundialmente recoñecida no ámbito do emprendemento. Cada proxecto gañador recibirá ademais 3.000 euros, e os seus promotores asesoramento, xunto coa posibilidade de participar en distintas actividades de RedEmprendia.

Ademais de España, as ideas de negocio finalistas proceden de Arxentina, Brasil, Colombia, México e Portugal. Un comité avaliador, formado por expertos en emprendemento de universidades e escolas de negocio, foi o encargado de elixir aos finalistas entre os 60 vídeos máis votados no período comprendido entre os días 17 e 30 de setembro polos usuarios na web do concurso (http://videos.redemprendia.org/UseFeeling_v1176). En total, á primeira edición concorreron 200 propostas de máis dun centenar de universidades de Iberoamérica, entre as que se repartiron 23.000 votos.

España, o país con maior participación.
España é o país que rexistrou unha maior participación, cun 33% das ideas de negocio procedentes de 38 institucións de educación superior. Séguelle México, cun 29% dos proxectos inscritos, con orixe en 14 universidades diferentes. A continuación figuran os universitarios de Colombia (13% dos participantes e 18 universidades), Chile (7% e 6 universidades), Portugal (7% e 7 universidades), Arxentina (6% e 9 universidades), Perú (4% e 7 universidades) e Brasil (1% e 4 universidades).

Destaca no certame a alta proporción de proxectos dedicados ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación, como ‘Use Feeling’. O outro sector protagonista foi o da innovación aplicada á protección medioambiental. O carácter internacional dalgúns equipos emprendedores é un dos feitos máis salientables polos promotores do premio, na súa opinión unha mostra da cooperación entre universitarios de distintos países iberoamericanos e das súas alianzas con universidades doutros países, como Estados Unidos, Alemaña e incluso Burkina Faso.

Sobre RedEmprendia.
RedEmprendia é unha rede universitaria iberoamericana que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Na actualidade, confórmana 20 universidades iberoamericanas de sete países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia –a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa- e Banco Santander.

Fonte; xornal.usc