Oficina CEER
 19-10-2012
A UDC COLABORA NA XORNADA SOBRE APLICACIÓNS PARA MÓBILES E WEBS

A Universidade da Coruña colabora na xornada sobre novas aplicacións para móbiles ou webs sobre meteoroloxía, que se celebrará o xoves, 25 de outubro, no Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, en Santiago de Compostela. Este encontro está destinado a usuarios avanzados, membros de grupos de investigación universitarios e desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións a partir dos datos que publica MeteoGalicia. O denominado Workshop RAIA.co dará a coñecer a visión da Xunta de Galicia sobre a información pública xeorreferenciada e as claves de varios servizos xeorreferenciados en meteoroloxía e oceanografía en Galicia, así como o funcionamento dos servidores THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service), unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e posibles usuarios finais. A través desta ferramenta permítese o acceso público a datos de modelos operacionais coma os de MeteoGalicia ou os do proxecto MyOcean de Puertos del Estado, datos arquivados e datos externos doutros sistemas.

Tras a inauguración ás 10.00 horas, a cargo do director de MeteoGalicia, Vicente Pérez, e o director do CESGA, Javier García Tobío, representantes de institucións e empresas que desenvolveron webs especializadas ou aplicacións para móbil como MeteoSIX (MeteoGalicia), que permiten consultar predicións ou datos de observación meteorolóxicos e oceanográficos expoñerán a continuación as características dos seus traballos. A xornada concluirá cunha mesa redonda na que se abordarán as oportunidades de negocio e emprendemento empresarial que poden achegar as coleccións de datos abertos que están publicando distintas administracións.

O proxecto Interreg RAIA.co, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, está coordinado por MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con participación do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O seu obxectivo é dotar a MeteoGalicia dunha Infraestructura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso a datos meteorolóxicos e oceanográficos e crear canles de acceso á información adecuados para o maior número posible de usuarios.

Fonte: udc.es