Oficina CEER
 23-10-2012
UN FORO DA USC PRESENTA EN LUGO AS POSIBILIDADES DO GALEGO COMO LINGUA PARA A CIENCIA, A TECNOLOXÍA E O EMPRENDEMENTO

Aínda quedan prazas libres para participar no encontro "Proxéctate en galego", que se desenvolve do 26 ao 28 na Casa do Saber e que inclúe unha excursión á Ribeira Sacra.

As comisións de normalización lingüística dos centros do Campus de Lugo organizan conxuntamente o foro Proxéctate en galego, un encontro que, en palabras dos seus promotores, ten como obxectivo "mostrar que o galego é unha oportunidade e unha lingua moito máis viva e dinámica do que se poida crer. O galego non é ningunha barreira no mundo académico ou profesional; pola contra, é unha oportunidade para o emprendemento, para a ciencia e para a comunicación entre as persoas".

A actividade, dirixida a toda a comunidade universitaria, celébrase entre os días 26 e 28 na Casa do Saber adxunta á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo. O prazo de inscrición permanece aberto ata o próximo 23 de outubro, e pode realizarse a través deste enlace. O prezo da matrícula é de 5 euros, e o curso está recoñecido cun crédito de libre configuración para o estudantado da USC.

Programa do encontro.
O foro comeza a súa actividade o venres 26 cunha inauguración oficial presidida polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o delegado de Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro Iglesias.

O primeiro dos relatorios correrá a cargo do concelleiro de Medio Ambiente de Allariz (Ourense) e leva por título "Allariz, un caso de creación de emprego e riqueza a partir da valorización do patrimonio". A continuación desenvolverase unha mesa redonda sobre emprendemento e lingua galega moderada pola profesora Mar Pérez Fra e na que participan os xerentes das sociedades Galchimia, Lugar da Veiga e Granxa Arqueixal. A xornada de mañá péchase coa actuación musical de Mini e Mero.

A sesión de tarde ábrese coa intervención de Diego Vázquez, de Imaxin Software, quen falará sobre as novas oportunidades no ámbito tecnolóxico no marco dun mundo globalizado. A xornada complétase cunha mesa redonda sobre tecnoloxía e lingua galega, moderada por Antonio Pérez Casas (da Área TIC da USC) e na que participan representantes dos proxectos A Navalla Suíza, PuntoGAL e CINFO.

O sábado 27 o programa iníciase co relatorio "Pescudando nas orixes da materia", a cargo do profesor da USC Cibrán Santamarina. A continuación, unha mesa redonda moderada polo profesor da USC Marcelo Maneiro analiza a relación entre ciencia e lingua galega coa presenza de Manuel Vicente (director do programa da TVG Efervesciencia), Manuel Díaz (presidente de Igaciencia) e Ánxela Bugallo (profesora da Universidade da Coruña).

A sesión de tarde do día 27 arranca cunha charla da profesora da Universidade da Coruña Charo Portela sobre a figura de Valentín Paz Andrade, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas deste ano. A derradeira mesa redonda do foro estará centrada na dinámica entre lingua galega e multiculturalismo e nela toman parte as profesora da USC Carme Silva e Montserrat Souto, e Isabel Vaquero, do Servizo de Normalización Lingüística da USC; a profesora Carmen Blanco actuará como moderadora do debate.

A actividade do domingo 28 consistirá nunha viaxe á Ribeira Sacra lucense durante a que se visitarán as instalacións da empresa Bodegas Moure (O Saviñao), e que inclúe tamén unha excursión en catamarán polo encoro de Santo Estevo, desde o que se poderán contemplar os bancais de viñedos e os edificios senlleiros da zona.

Fonte: xornal.usc.es