Oficina CEER
 25-10-2012
A UNIVERSIDADE DA CORUÑA CELEBRA O DÍA DO DEPORTE NO CAMPUS DE FERROL

A Universidade da Coruña celebra hoxe, xoves, 25 de outubro, o Día do Deporte que, por primeira vez, traslada os seus actos ao campus de Ferrol.

As actividades comezarán ás 10:00 horas no Pavillón de Deportes de Esteiro con competicións de fútbol sala e 3x3 baloncesto ata as 16:00 horas. Nunha carpa instalada ao lado do Centro Cultural Universitario, en Esteiro, haberá entre as 12:00 e as 14:00 horas masterclass de unibike, workpower e cardiobox. Ás 12:30 Matilde Pedreira ofrecerá unha exhibición de danza e ás 13:00 horas farase unha demostración de esgrima. O reitor, Xosé Luís Armesto, asistirá aos actos do Día do Deporte xunto coa vicerreitora do campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, ás 12:30 horas. A partir das 21:00 horas no Centro Cultural Universitario farase entrega dos Premios UDC Deportes que este ano recaeu nas alumnas da Universidade da Coruña Sofia Toro e Támara Echegoyen, que acadaron a Medalla de Ouro en Vela nas pasadas olimpíadas de Londres. Ademais, acordouse de forma excepcional, facer unha mención especial a Marco Carreira, exalumno da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC, taekwondista e preparador físico de elite e fundador da escola de taekwondo da Universidade da Coruña. Sofía Toro e Támara Echegoyen non poderán asistir ao acto debido ao seu calendario de competición, pero si o fará Marco Carreira.

Ademais deste premio, a Área de Deportes recoñecerá aos estudantes coruñeses que se destacaron ao longo do curso nas diversas ligas e competicións universitarias.

Acta do xurado do Premio UDC Deportes: “Reunidos na Reitoría o 9 de outubro de 2012, ás 13:00 horas, o xurado dos Premios UDC Deportes decidiu por unanimidade outorgar este premio que se organiza por cuarta vez ás regatistas Támara Echegoyen e Sofía Toro en recoñecemento ao seus éxitos acadados durante a súa preparación Olímpica e a súa culminación no Ouro Olímpico da categoría Elliot 6m. de Vela Olímpica. O xurado, formado pola vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura, María José Martínez, o xornalista de La Voz de Galicia, José Manuel Fernández, o xefe de Deportes de Diario de Ferrol, Juan Quijano, o xornalista de Radio Galega, Javier Torres, o director de Deportes da Universidade da Coruña, Juan Fernández, o técnico de Deportes, Manuel Moya, e a xefa de Comunicación da UDC, María Ares, valorou especialmente na súa decisión a gran traxectoria das dúas regatistas.

Támara Echegoyen, a experimentada regatista tricampeona mundial e bicampeona de Europa, soubo transmitir a súa experiencia a un novo equipo cunha clara meta.

Sofía Toro, cunha traxectoria como regatista forxada nas augas coruñesas, aliouse con Támara e xunto coa asturiana Ángela Pumariega formaron un sólido equipo. A súa rápida adaptación a un novo barco, o Elliot 6m, e o complexo e táctico sistema de competición como é o Match Race, non foi impedimento para a meteórica progresión, con importantes éxitos que marcaron un antes e un despois, como o Campionato de España 2010 e o Campionato de Europa de Match Race Feminino do 2011. O éxito da clasificación para participar na Olimpíada de Londres culminou co maior logro que pode obter calquera deportista: o ouro olímpico.

As dúas, exalumna e alumna da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, dan exemplo ao resto dos nosos deportistas do esforzo e superación como valores do deporte e da vida, así como o necesario impulso para o fomento da práctica do deporte feminino. Neste ano olímpico, o xurado quere facer un especial recoñecemento a Marco Carreira, tamén exalumno da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, que na súa dilatada traxectoria internacional como taekwondista de elite, representou e acadou varios Campionatos de España Universitarios sendo ademais o fundador da nosa escola de Taekwondo. Dende o seu cargo técnico no centro de alto rendemento de Madrid, dirixiu a carreira deportiva, entre outros, de Nicolás García, quen obtivo a Medalla de Prata na categoría de -80 Kg na Olimpíada de Londres”.

Fonte: udc.es