Oficina CEER
 29-10-2012
UNHA WEB EXPERIMENTAL PARA A PROMOCIÓN DE NOVAS FORMAS DE TURISMO ALTERNATIVO EN GALICIA XA ESTÁ DISPOÑIBLE EN INTERNET.

Este proxecto baséase na cooperación entre diversas entidades que teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego. Ademais de Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF) e do Grupo de Investigación GIST. Idega da USC, colaboran nesta iniciativa Feiraco, a Xunta de Galicia, Cáritas, Caixa Galicia e mais os concellos de Brión, Antas de Ulla e Lalín.

O Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia, que xa está dispoñible na páxina web www.galiciaautentica.org . Mostra en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión "alternativa" da xeografía cultural de Galicia.

Os contidos deste proxecto multimedia foron diseñados e definidos a partir da colaboración entre técnicos e investigadores do Gist-Idega e unas 30 familias rurais de toda Galicia, que xa participan no proxecto de Granxafamiliar.com. Os encontros, reunións, e traballos de campo foron levados a cabo durante os últimos 12 meses en diversidade de parroquias e aldeas galegas. A día de hoxe www.galiciaautentica.org ofrece rutas etnográficas por toda a xeografía de Galicia, mostrando en pequenos videos, sons e fotografías dixitais a nosa cultura e feito diferencial.

Un equipo de 6 investigadores percorreo a xeografía das diferentes comarcas galegas capturando e dixitalizando pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria dos galegos e galegas co obxectivo de difundilo en Internet.

Este arquivo multimedia dixital está sendo xeorreferenciado a partir de Google Maps e Panoramio para difundilo en redes socias a través de Internet; e se ofrece a través de canles propios en Youtube e Facebook. Deste xeito, presentamos unha Galicia Auténtica, descoñecida e atractiva diante da mirada de potenciais visitantes, turistas e viaxeiros con interés por coñecer Galicia e a nosa cultura. Este Museo de Rutas Etnográficas pretende mostrar a xeografía cultural galega de forma innovadora e creativa, difundindo todos os aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e no europeo.

Dende ADAF e dende o Grupo de Investigación Gist da Universidade de Santiago de Compostela búscamos con esta iniciativa chamar a atención dos cidadáns, impulsar a reflexión interna na sociedade galega e incentivar a "mirada dos outros" sobre a nosa idiosincrasia e os nosos referentes etnográficos. Queremos comezar a construir creativamente unha versión alternativa dos tópicos turísticos e chamar a atención dos visitantes para que percorran a nosas aldeas e parroquias rurais. Tamén queremos que participe no proxecto calquera persoa ou colectivo que desexe crear e difundir unha ruta orixinal en calquera concello ou comarca galega. O sistema foi creado a partir dos principios da comunicación bidireccional e da web social; ofrece a posibilidade de editar na web rutas creadas por calquera persoa que percorra Galicia a través da opción “Axúdanos a Medrar”. Todo isto foi deseñado a partir dunha estratexia cualificada de marketing territorial en liña, que nos permite definir produtos galegos con imaxe de marca diferenciada e capaces de competir no mercado internacional do ocio, do turismo activo e dos produtos agrarios naturais e ecolóxicos. O que se pretende é mostrar a etnografía da nosa terra, unha gran descoñecida, o noso estilo de vida, as nosas aldeas e bosques, a paisaxe cultural, a arquitectura e mais a realidade do país, ofrecer unha visión alternativa que precisa ser valorada.

Galiciaautentica.org é unha web de rutas etnográficas que ofrece unha visión alternativa do medio rural galego e se complementa con Granxafamiliar.com que a súa vez é moito máis que unha web para mercar e vender; son, en ambos casos, unha expresión cultural de compromiso co desenvolvemento sostible no medio rural galego.

Contacto: Prof. Carlos Ferrás Sexto
Carlos.ferras@usc.es
Director Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio Gist. Idega
Universidade de Santiago de Compostela
www.gist.es
www.galiciaautentica.org
www.granxafamiliar.com