Oficina CEER
 06-11-2012
O PROGRAMA USC EN TRANSICIÓN PON EN MARCHA UN PROXECTO DE HORTOS URBANOS

Este martes 6 haberá unha primeira xuntanza para organizar os grupos que se encargarán da xestión.

O programa USC en Transición busca persoas que se comprometan a xestionar os hortos que ten nas Residencias Universitarias compostelás Fonseca e Burgo das Nacións e na Facultade luguesa de Formación do Profesorado. Contémplase tamén a posibilidade de, de dárense as condicións, crear o seu propio horto. Para coñecer os detalles do proxecto e organizar os grupos de xestión a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC convoca a unha xuntanza este martes 6, ás 19.30 horas no Salón de Actos da residencia Fonseca. Dende o curso 2010-2011, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC desenvolve varias actividades ligadas á agricultura urbana e ecolóxica a través do Programa USC en Transición, unha iniciativa que busca adaptar a filosofía das ‘comunidades en transición’ ao contexto universitario. Estas comunidades priorizan a busca de métodos e accións que axuden a reducir o consumo de enerxía e aumentar así a autosuficiencia. Neste contexto, os hortos comunitarios convértense nunha excelente ferramenta para reducir a pegada de carbono alimentaria promovendo a produción de alimentos no contorno inmediato e reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro pola produción e transporte dos alimentos. Os hortos son tamén espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible. Este proxecto quere ser tamén un espazo onde os coñecementos tradicionais e os académicos teñan cabida conxuntamente. En consonancia, a Oficina da USC conta cun plan formativo aberto a quen desexe coñecer un pouco máis sobre a agricultura ecolóxica ou a elaboración de comidas cos alimentos producidos. Fonte: xornal.usc.es