Oficina CEER
 08-11-2012
A FAC. DO DEPORTE ACOLLE ESTES DÍAS DIVERSOS ACTOS DE FORMACIÓN E EMPREGO

A Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física acollerá os vindeiros días varios actos relacionados co deporte, a empregabilidade dos titulados e coa formación académica.

Así, hoxe, xoves, 8 de novembro, terá lugar a conferencia-coloquio sobre o libro “Palabra de Entrenador”, a cargo do autor desta obra, Orfeo Suárez, redactor xefe de Deportes do diario El Mundo. “Palabra de entrenador” inclúe reflexións e métodos dos mellores técnicos do fútbol español, un total de 32 adestradores como Luis Aragonés, Pep Guardiola, José Mourinho, Vicente del Bosque, Michel, Di Stefano, Valdano ou Bielsa. A conferencia terá lugar no salón de actos da facultade ás 13:30 horas, con entrada libre.

Tamén a partir de hoxe e ata o venres día 9, a Facultade do Deporte converterase nun foro para debatir sobre “Competencias no sector da actividade física e do deporte: empregabilidade e formación”. O encontro está formado polas catro organizacións que representan no estado español á formación universitaria. Trátase da Conferencia Española de INEF e Facultades de Ciencias do Deporte, presidida polo decano da facultade da Universidade da Coruña, Rafael Martín Acero; o Consello Xeral de Colexios Oficiais de titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, presidido polo profesor da UDC Vicente Gambau i Pinasa; a Asociación Española de Ciencias do Deporte, presidida polo profesor Fernando Del Villar da Universidade de Extremadura, e a Asociación de Estudantes Universitarios ANECAFYDE, presidida por Luis Cereijo, da Universidade de Alcalá. Ademais asistirán expertos invitados de Cataluña, Andalucía, Valencia, Madrid e País Vasco.

A reunión ten por obxecto acadar a coordinación dos axentes profesionais, empregadores, formadores e investigadores, sobre as competencias a impartir en cada nivel formativo e as que corresponde executar en cada ámbito profesional da actividade física e do deporte. As organizacións académica, científica e profesional que se reunirán na Coruña asinarán un “Convenio Marco para a Calidade”, que porá en marcha todo un proceso metodolóxico para ordenar os niveis de cualificacións, competencias e desempeños por ámbitos e funcións, a través dun “catálogo de competencias“.

Por último, desde o día 8 ao 11 de novembro, impartirase na Facultade do Deporte da UDC un módulo do máis antigo e prestixioso mestrado en Dereito Deportivo de Iberoamérica e España, cursado por máis de 250 profesionais en 15 países. Os alumnos deste mestrado poden seguir un itinerario profesionalizante enfocado ao exercicio profesional no ámbito do dereito deportivo, ou un itinerario investigador enfocado á continuación da formación mediante a investigación. Este segundo itinerario da acceso ao doutoramento. A formación aborda todas e cada unha das facetas do dereito que gardan relación co deporte, tanto os ámbitos do dereito público como do dereito privado. O mestrado segue un modelo organizativo “part estafe” para poder compaxinar o seguimento da formación coas actividades profesionais de cada participante. Por isto a formación desenvólvese durante dous cursos académicos. A diversidade de orixe tanto do alumnado como do profesorado e a colaboración de distintas universidades do territorio español, entre as que se atopa desde o seu inicio a UDC, e organizacións deportivas, permite desenvolver os módulos formativos en réxime de concentración en diversas cidades da área iberoamericana e españolas, entre as que se atopan A Coruña, Barcelona, Lleida, Bos Aires, Río de Xaneiro, ou Cidade de México.

Fonte: udc.es