Oficina CEER
 13-11-2012
A UDC PROMOVE O VOLUNTARIADO E A PARTICIPACIÓN SOCIAL CUN VÍDEO

A vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación, Natalia Álvarez Lata, presentou o luns, 12 de novembro, ás 11:00 horas, na Sala de Prensa da Reitoría un vídeo de animación para promover a acción voluntaria e a participación social. Xunto coa vicerreitora estivo o director da Oficina de Cooperación e Voluntariado, Luis Hervella, e o autor do vídeo, Luis Usón. O vídeo, inspirado nas aventuras pixeladas da década dos 80, está ambientado nun videoxogo co que se pretende chamar a atención da comunidade universitaria para que se implique en temas de cooperación.

O vídeo invita ao espectador a mirar ao seu arredor e fixarse nas inxustizas cotiáns, ofrecéndolle proxectos nos que podería comprometerse e que contribuirían a formar unha sociedade máis xusta e equitativa. Pon de manifesto diferentes problemáticas sociais que abordan a inclusión social, os dereitos humanos e o voluntariado local e en países en desenvolvemento, e amosa posibles maneiras de incidir nelas a través da participación social. O vídeo presentouse á comunidade universitaria nun acto que tivo lugar na Facultade de Socioloxía.

Fonte: udc.es