Oficina CEER
 20-11-2012
FÍO, AGULLA E DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS PARA UNHA MODA INTERACTIVA

As novas tecnoloxías e a fotografía de deseño centran os obradoiros Debut 2012.

Esdemga busca achegar as últimas tendencias e técnicas do sector ao seu alumnado.

A falta de tres días para a gran cita coas novas promesas da moda, Esdemga, Estudos en Deseño e Moda Téxtil de Galiza, deu comezo este luns á programación de actividades de Debut 2012 coa celebración de tres obradoiros que buscan colocar ao seu alumnado na vangarda do sector. A aplicación das novas tecnoloxías ao deseño de roupa e a fotografía de moda centran estes talleres co propósito “de mostrar na escola proxectos moi innovadores que fusionan técnicas tradicionais con novas aplicacións”, sinalou Lola Dopico na presentación desta nova edición de Debut.

Da man de Paola Guimerans, experta na fusión de deseño e tecnoloxía, o alumnado de Esdemga será quen de desenvolver complementos e prendas que leven incorporados adornos con luz. Para iso, Guimerans axudará aos estudantes durante os tres días que dura o obradoiro a deseñar e fabricar circuítos brandos (soft circuits) mediante a integración de elementos electrónicos como pilas e lámpadas led en tecidos e materiais flexibles e moldeables. “Estamos creando circuítos simples”, relata Paola Guimerans, nos que substitúen os clásicos cables de corrente por teas e fíos condutores. Aínda que é unha formulación sinxela, “si que teñen que pensar na interactividade pois neste caso non só vale coser senón hai que definir previamente como activar e desactivar o circuíto”, engade Guimerans que lles propuxo aos alumnos e alumnas deseñar un brazalete que cerrado manteña a luz acesa e aberto deixe de funcionar.

Paola Guimerans trae á escola un novo campo na creación e deseño de moda a través da electrónica “que non está moi explotado en España” e no que os estudantes se mostraron moi interesados. “Non fai falla ter coñecementos previos de electrónica”, comenta Guimerans polo que o estudantado, tras unha breve introdución, púxose a deseñar cadanseu circuíto para logo aplicalo no complemento. “Aínda que non teño moita idea de electrónica, teño case definido como quero que funcione”, relata Javier Nogueira, un dos alumnos, que se amosou moi sorprendido das posibilidades que supón esta aplicación das novas tecnoloxías no deseño, “como suadoiros iluminados ou zapatos que se acenden e se apagan mentres camiñamos”, describe.

Mentres que o alumnado de segundo de Esdemga está inmerso no mundo da electrónica, os de primeiro ano inclináronse por coñecer as principais técnicas de patronaxe en 3D que o colectivo alemá Marshallah Design se está encargando de ensinar.

Unha boa maquillaxe para foto e vídeo.
O estudantado de terceiro curso optou por un workshop de fotografía de moda, no que Raúl Beltrán, estilista de LLongueras, deu unhas guías para enfrontar a maquillaxe en fotografía e vídeos de moda. Ao longo da mañá, os futuros profesionais do sector aprenderon como corrixir olleiras, bolsas, imperfeccións na cute ou como sacar o máximo partido aos ollos e á cor de pel da modelo ou do modelo. “Aínda que non sexamos profesionais da maquillaxe, si que nos vén moi ben ter idea de que técnicas e trucos melloran a presentación dos estilismos”, explica a alumna Raquel Álvarez que se mostrou moi interesada na táboa que indicaba que gamas cromáticas “favorecen máis” segundo a tonalidade da pel. Tras o obradoiro práctico de maquillaxe foi a quenda de Mariana Maglio, especializada na pos-produción dixital, que achegou diversas técnicas para o tratamento e retoque de imaxes.

Fonte: duvi.uvigo.es