Oficina CEER
 22-11-2012
A UDC TRATA NUNHAS XORNADAS A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Salón de Graos da Facultade de Socioloxía acollerá hoxe xoves, 22 de novembro, e máis o seguinte xoves, día 29, as xornadas tituladas “En acción contra a violencia!”, que se levarán a cabo con motivo do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero. Este encontro enmárcase no proxecto "En acción pola Igualdade", que desenvolven a Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) da UDC e a ONG Axuda en Acción. Nas sesións trataranse distintos aspectos relacionados coa violencia contra as mulleres non só no noso contorno europeo máis próximo, senón tamén noutras áreas xeográficas máis desfavorecidas ou que sofren conflitos armados.

A xornada do día 22 centrarase na violencia contra as mulleres en conflitos armados, e comezará ás 17:00 horas coa presentación da Resolución 1325 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a cargo de Ana Jesús López, directora da OIX, e Ana García, de Ayuda en Acción. Ás 17:30 horas falará Miriam Alia, expatriada de Médicos sin Fronteras, sobre a violencia sexual como arma de guerra. E a continuación pechará Carla Padilla e Meyling Aguilar, do Instituto de Liderazgo de Las Segovias, en Nicaragua, para falar sobre “A loita das mulleres nicaraguanas contra a guerra, outra forma de violencia institucional”.

O día 29 de novembro celebrarase o Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, comezando ás 10:00 horas coa presentación do Consorcio En Acción pola Igualdade, para seguir cunha conferencia sobre “A violencia de xénero: última fronteira da desigualdade sexista”, a cargo de María Lameiras Fernández, profesora Titular de Psicoloxía Clínica da Universidade de Vigo. Ás 12:30 intervirá Patricia Faraldo Cabana, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, para falar sobre “Límites da resposta penal á violencia de xénero”. A xornada da tarde iniciarase ás 17:00 horas coa conferencia titulada “O traballo contra a violencia de xénero en Nueva Segovia, Nicaragua”, a cargo de Carla Padilla e Meyling Aguilar.

Fonte: udc.es