Oficina CEER
 23-11-2012
A SOCIEDADE DEMANDA ENXEÑEIROS E SANITARIOS EXPERTOS EN BIOMEDICINA

Ábrese o prazo de preinscrición para o Curso de Especialista en Biomateriais e Tecnoloxías Biomédicas.

En España implántanse cada ano 30.000 próteses de cadeira e 45.000 de xeonllos, unhas cifras que os expertos esperan que se disparen nas próximas dúas décadas. O envellecemento progresivo da poboación é o culpable. Esta realidade está a crear unha demanda crecente de servizos aos que a medicina debe dar resposta de xeito eficaz, non só para mellorar a saúde e a calidade de vida dos pacientes, senón tamén para optimizar os beneficios dos recursos invertidos. Coa idea de mellorar a formación tecnolóxica dos profesionais nace o Curso de Especialista de Biomedicina e Tecnoloxías Biomédicas, organizado pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e que se impartirá desde o 13 de decembro nas instalacións que a escola ten no campus.

O curso, que durará un semestre e que contará con 21 créditos, está dirixido a titulados en Enfermaría, Medicina, Fisioterapia, Odontoloxía, Óptica, Farmacia e Psicoloxía que desexen adquirir unha formación tecnolóxica que lle axude a comprender e poder solucionar problemas á hora de traballar co equipo biomédico e a enxeñeiros, biólogos e químicos que desexen unha formación básica de medicina para desenvolver a súa actividade no sector das ciencias da saúde. Os interesados poden facer a preinscrición ata o vindeiro 28 de novembro. O período de matrícula estará aberto entre o 3 e o 11 de decembro.

Formarse e especializarse.
O emprego de tecnoloxías sanitarias, a investigación científica e a innovación que trae aparellada a Enxeñaría Biomédica é imprescindible para achegar solucións aos novos problemas médicos e sociais que van xurdindo. A través deste curso especializado, os enxeñeiros que queiran enfocar a súa traxectoria profesional no campo da biomedicina poderán completar a súa formación con coñecementos básicos de medicina, anatomía ou bioquímica, así como de funcionamento do sistema sanitario e das normas e protocolos a ter en conta. Mentres, que os profesionais sanitarios poderán adquirir nocións tecnolóxicas que lles permitan desenvolver mellor as súas funcións nun ámbito progresivamente máis tecnificado.

Ao curso de posgrao poderán acceder titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo, alumnos dunha licenciatura ou equivalente cos tres primeiros cursos superados e profesionais directamente relacionados coa especialidade que acrediten un mínimo de 3 anos de experiencia laboral. As clases presenciais desenvolveranse xoves e venres de tarde (de 16 a 20 horas) e haberá a posibilidade de realizar prácticas puntuais en quenda de mañá.

Máis información:
http://duvi.uvigo.es/images/stories/2012/novembro/triptico.pdf