Oficina CEER
 23-11-2012
A FILLA DO XUÍZ GARZÓN DENUNCIA A IMAXE QUE OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN CREAN DA SÚA FAMILIA

Ofreceu un relatorio no campus pontevedrés, convidada pola Universidade e polo Ateneo.

María Garzón defende que a prensa se escuda na liberdade de expresión “para emitir falsidades”.

Este xoves María Garzón Molina, filla do xuíz Baltasar Garzón, visitou o campus pontevedrés para “falar de preto” co alumnado de Publicidade e Relacións Públicas sobre o tratamento informativo que os medios de comunicación dan da imaxe de se pai, e por extensión da súa familia e persoa. Estivo acompañada pola vicerreitora Antonia Blanco e polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, que destacaron sobre todo o seu compromiso social “que manifesta dende a xuventude” e agradeceron o seu labor “de tentar achegar aos centros e escolas unha visión máis próxima do que acontece no día a día”.

Convidada pola Universidade de Vigo e polo Ateneo, María Garzón achegouse ao campus tras uns días de actividade pola provincia dando a coñecer a súa visión sobre os procesos xudiciais contra o xuíz Garzón. “Neste caso, fronte a futuros profesionais da comunicación prefiro salientar como os medios crean unha imaxe para atacar a honra da nosa familia”, explicou María Garzón que citou algún que outro exemplo extraído dos xornais “que unicamente verteron falsidades, como que a miña casa está financiada por Emilio Botín, que a empresa na que traballo branqueamos diñeiro ou que Baltasar Garzón ten un patrimonio de 11 millóns de euros”. Denunciou que moitos xornalistas escúdanse baixo o argumento da liberdade de expresión “para mentir e inventar historias”, unha realidade que segundo María Garzón debe ser cambiada polas novas xeracións de profesionais.

Titulada en Publicidade e Relacións Públicas, María Garzón amosouse moi próxima co alumnado que non dubidou en formularlle algunha que outra cuestión. “No libro Suprema Injusticia métome moito co labor dos medios de comunicación porque actúan moi diferente de como nos ensinaron nas escolas e facultades”, reflexionou a convidada que tamén comentou que dirixe unha axencia de publicidade especializada en campañas sociais. “Meu pai que é moi idealista pensaba que esta forma de comunicación só é útil para manipular, pero eu convencino de que todo depende do uso que se lle dea”, engadiu.

O compromiso do xuíz con Galicia.
Nun esforzo por dar a coñecer o labor da Fundación Internacional Baltasar Garzón, a súa vicepresidenta, María Del Carmen Durán, que amadriñou a visita de María Garzón a Pontevedra, quixo salientar o compromiso que o xuíz Garzón amosou con Galicia, materializado sobre todo coa operación Nécora contra o narcotráfico a comezos dos anos 90. “Este caso foi determinante nas nosas vidas e grazas a el fomos quen de empezar a vivir en Galicia”, salientou Durán, que defendeu abertamente a perspectiva xudicial de Garzón “na que as leis e a lexislación están ao servizo das persoas”.

Fonte: duvi.uvigo.es