Oficina CEER
 27-11-2012
UN ROUBO NO MUSEO E UN SOÑO QUE SE FAI REALIDADE

Alumnado do Programa para Maiores do campus actuará este xoves no Teatro Principal.

O grupo representará para o público ourensán a súa última obra.

Con moitas bolboretas no estómago. Así se atopan agora mesmo os membros do grupo de teatro da Aula de Formación Aberta do campus de Ourense, coñecida como Programa para Maiores, que este xoves se enfrontarán por primeira vez ao gran reto de representar a súa última obra, Roubo no museo, diante do público ourensán e nun espazo emblemático da cidade como é o Teatro Principal. Con humildade, por ser afeccionados, pero con moitas gañas e ilusión, os 12 alumnos da Universidade de Vigo sairán á escena co obxectivo principal de gozar entre amigos dun bo anaco de sorrisos e diversión.

A representación, que será o xoves, día 29 de novembro, ás 20.30 horas, foi presentada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Josefina Pato, directora das Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense; Raquel Feijóo, autora e directora da obra, e Nina Vila, unha das alumnas protagonistas da obra. “Será unha noite moi especial para todos nós e sobre todo para o grupo de teatro das aulas, que cumpre un gran soño con esta representación no Teatro Principal de Ourense”, destacou María Lameiras, que convidou a toda a comunidade universitaria e aos ourensáns interesados a achegarse o xoves a ver a función.

Segundo explicou Josefina Pato, esta representación ten “un grandísimo mérito pois é froito de moitas horas de ensaio e de traballo” por parte dos membros do grupo, nado hai cinco anos. A peza que van a representar xa se puido ver no campus de Ourense, como peche do anterior curso académico do Programa para Maiores, e posteriormente na prisión de Pereiro de Aguiar. “En ambos casos foi un éxito enorme que agardamos se repita no Teatro Principal”, apuntou Pato. A actuación, engadiu Raquel Feijóo, “é un premio a todo o traballo desenvolvido este ano, ao sacrificio e ao esforzo dedicados por todos a esta obra tan especial”.

Unha comedia surrealista.
Roubo no museo é, tal e como explica a súa autora, unha comedia surrealista que conta a historia de tres grupos de ladróns un pouco despistados que queren roubar un valioso cadro que se atopa provisionalmente no museo municipal da cidade. “A cousa complicarase ata límites insospeitados cando todos eles coincidan a mesma noite no museo e co mesmo obxectivo, creándose unha situación cómica que se enredará aínda máis coa presenza na sala de gardas de seguridade, unha señora da limpeza e a propia directora do museo”, resume Raquel Feijóo sen querer adiantar cal será finalmente o desenlace do roubo.

O reparto da obra estará formado polos alumnos Geli Rodríguez, Rosa Méndez, Ana Fernández, Candi Rodríguez, Ana María López, Nina Vila, Emilia Parada, Esther Fernández, Chus Constenla, Zenaida García e Juan Carlos Rivera e completa o equipo, ademais de Raquel Feijóo, Israel Elíaz, responsable de escenografía e fotografía. En representación do grupo, Nina Vila quixo salientar durante a presentación da peza a satisfacción persoal e como grupo que teñen de estar realizando esta obra e de poder representala no Teatro Principal. “É unha gran aventura e unha satisfacción enorme para todos nós”, apuntou. A alumna quixo destacar o reto que lles supuxo memorizar os textos en galego e aprender a actuar pero sobre todo “o montón de risas que temos compartido con esta experiencia”. Con algo de nervios, pois “nunca nos vimos nunha situación así”, pero sobre todo con moita ilusión agardan que o xoves o Teatro Principal se encha de espectadores para compartir con eles un roubo no museo e un soño, o seu, cumprido. As entradas poden retirarse de balde no Teatro Principal o propio día da actuación ata esgotamento de prazas.

Fonte: duvi.uvigo.es