Oficina CEER
 28-11-2012
AS RUTAS DE SENDEIRISMO DE DECEMBRO DISCORRERÁN POLA MARIÑA LUGUESA E A SERRA DE ORIBIO

A USC ofrece tamén despedir 2012 no faro das Lúas e no monte Lobeira.

As rutas de sendeirismo propostas pola Universidade de Santiago para o mes de decembro discorrerán pola Mariña luguesa e a Serra de Oribio os días 15 e 22, respectivamente.

O percorrido pola costa de Lugo, de dificultade media, comezará na mesma vila de Foz e continuará sempre a carón do mar pasando por innumerables puntos de interese paisaxístico e natural, entre eles o castro de Fazouro, ata chegar a Burela.

A fin de semana seguinte a ruta será polo monte Oribio, moi preto da Serra do Courel, unha xoia case descoñecida pese a ser un dos tesouros naturais e paisaxísticos galegos. O paseo circular comezará en Triacastela e de aí ascenderase ao cumio do monte, a 1.442 metros de altitude. Precisamente por ese ascenso a dificultade é media-alta.

Especial Fin de Ano.
O Servizo de Deportes da USC propón ademais despedir o ano cun paseo ao faro das Lúas e ao monte Lobeira, miradoiros sobre a ría de Arousa e toda a comarca con certo valor arqueolóxico xa que no seu cumio hai restos do que parece que foi unha antiga fortaleza medieval. A ruta, de 7 quilómetros e dificultade baixa, comezará ás 9.00 e rematará ás 14.00 horas.

As persoas interesadas nalgunha destas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información nas Oficinas de Deportes, situadas na Piscina Universitaria, ou a través da páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/deportes. Tamén nos teléfonos 881815071 ou 881815073.

Fonte: xornal.usc.es