Oficina CEER
 29-11-2012
SOBREDOSE DE EDULCORANTE PARA LEVAR AO ROMANTICISMO POLO BO CAMIÑO

O dúo Mofa e Befa enche o Teatro Vidal Bolaño co seu espectáculo "Románticos!".

Nada é xa o que era. A busca constante da liberdade que caracteriza ao romanticismo rematou nunha revolución que transformou o mundo, pero co paso do tempo converteuse nunha desculpa para crear “cancións e filmes con sobredose de edulcorantes sintéticas”. O dúo cómico Mofa e Befa subiuse ao escenario do Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria para reconducir o espírito romántico, ata agora relegado a galáns de novela televisiva ou aniversarios de vodas. Nun teatro ateigado, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira devolveron as cousas ao seu sitio coa súa nova produción, Románticos!, un espectáculo humorístico teatral co que darlle a esta revolución o final poético que lle corresponde.

Dirixida por Quico Cadaval e con música de Piti Sanz, unha obra de elevada temperatura emocional co que levaron ao público a relembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta ou os amores vampíricos que se perpetúan nos séculos. Para conseguilo, os espectadores viron a Frankenstein comparando cicatrices con Julio Iglesias, escoitaron as asombrosas revelacións do psicoanalista arxentino de Rosalía de Castro, ao conde Drácula cantando o bolero Pasarán máis de mil anos ou un consultorio sentimental e sexual con amantes zombies. Todo coroado cunha contundente guinda: un breve manual de suicidio para aqueles que queiran levar o seu romanticismo a extremos molestos para a familia.

Vinte anos sobre os escenarios.
Mofa e Befa xurde en decembro de 1992 co obxectivo de ser un comando de comedia contemporánea á vez que compaxinaba as súas andainas con outros proxectos televisivos e cinematográficos á marxe do dúo. Na súa bagaxe teatral figuran espectáculos moi destacados, como Shakespeare para principiantes, Cultura para dar e tomar ou Para ser exactos, obra coa que comezou a compañía e que ten algúns dos seus fragmentos incluídos no canon teatral da dramaturxia galega. Xunto co director e guionista galego Jorge Coira rodaron a curtametraxe muda Mofa e Befa en Gran Liquidación, unha peza que acadou numerosos premios.

Fonte: duvi.uvigo.es