Oficina CEER
 04-02-2013
INVESTIGADORES DE INFORMÁTICA DA UDC PARTICIPAN EN PROXECTO EUROPEO DE 3,39M. EUR.

Integrantes do grupo de investigación MADS, do departamento de Computación da Universidade da Coruña, participan no proxecto PROWESS, que busca crear novas ferramentas e métodos para que as empresas de software poidan desenvolver servizos web e aplicacións de internet de mellor calidade.

A Coruña, 1 de febreiro de 2013.- A Universidade da Coruña forma parte dun consorcio ao que a Unión Europea vén de conceder 3,39 millóns de euros. Trátase dun conxunto de nove entidades que desenvolverán conxuntamente o proxecto PROWESS (PROperty-based testing of WEb ServiceS, Probas baseadas en propiedades para servizos web, http://www.prowess-project.eu). O proxecto foi seleccionado entre centos de propostas por consorcios de toda a Unión Europea para ser financiado polo Sétimo Programa Marco (FP7), que é o principal instrumento de financiamento europeo para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico.

O consorcio de entidades que desenvolverán o proxecto PROWESS conta, ademais de coa universidade coruñesa, representada polos investigadores do grupo Modelos e Aplicacións de Sistemas Distribuídos (MADS) da Facultade de Informática pero que ten a súa sede no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), con outras empresas e universidades de tres países diferentes: Reino Unido, España e Suecia.

O obxectivo do proxecto PROWESS é proporcionar ás empresas de software europeas ferramentas e técnicas que lles permitan someter os seus produtos a un proceso de proba sistemático, eficaz e eficiente, de xeito que se mellore e garanta a calidade dos seus produtos antes de que estes sexan postos a disposición dos usuarios. En particular, os membros do consorcio colaborarán con empresas desenvolvedoras de software no ámbito dos servizos web e as aplicacións de internet.

En concreto, os investigadores da Universidade da Coruña, coa investigadora Laura Castro á cabeza, desenvolverán métodos e ferramentas para que os desenvolvedores de software, especialmente os desenvolvedores de servizos web, poidan aplicar técnicas avanzadas de proba aos seus produtos, contribuíndo deste xeito a mellorar a súa calidade e competitividade. En palabras da investigadora, “este proxecto non só é unha oportunidade incrible de traballar con investigadores de importantes universidades europeas, senón tamén de colaborar con empresas de varios países, facendo investigación que resulta directamente aplicable, porque traballamos cada día tendo moi presentes os problemas reais e os retos aos que as empresas desenvolvedoras de software se enfrontan á hora de poñer a proba os seus servizos web e as súas aplicacións de internet”. Xunto cos seus socios no proxecto PROWESS, os investigadores da UDC, di Castro, “aspiramos a conseguir que eses procesos de proba sexan máis rápidos e máis automáticos, porque aos desenvolvedores de software normalmente lles gusta facer software, e non tanto probalo, pero probalo é esencial para garantir que todo funciona como se espera antes de que chegue aos usuarios”. Coa súa participación neste proxecto, o grupo MADS amosa que pode ser un referente no eido das probas de software a nivel europeo. “O mundo das probas software está a recibir máis atención cada día, porque as empresas estanse a decatar de que non é tanto cuestión de dedicar máis cartos ou máis tempo a facer probas que non son efectivas, senón que o que se precisa realmente son procesos e ferramentas de proba que realmente atopen os erros no software de xeito rápido e, a ser posible, automático”, conclúe a investigadora. Pese a ser un grupo de investigación relativamente novo, o grupo MADS, que conta con investigadores expertos en diferentes tecnoloxías, desde as linguaxes funcionais e os sistemas distribuídos até as probas software e a xeración de vídeo sintético, ten unha ampla traxectoria de cooperación internacional en termos de investigación, e participou recentemente noutros proxectos tamén financiados polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea, como OPTIBAND (http://www.optiband-project.eu) ou PROTEST (http://www.protest-project.eu).

Fonte: udc.es