Oficina CEER
 05-02-2013
A UDC VIVIRÁ HOXE UNHA XORNADA ELECTORAL

A Universidade da Coruña vivirá hoxe unha xornada electoral que comezará ás 10:00 horas e rematará ás 20:00 horas. A novidade deste proceso electoral é que o voto tramitarase de forma electrónica a través da páxina web www.udc.es/eleccions2013. Nesta páxina ademais, hai información de todo o proceso así como unha detallada explicación de cómo se vota dixitalmente. A aplicación informática de votación electrónica garante a emisión do voto persoal nas mesmas condicións de segredo e igualdade que o voto en urna. Poderá accederse desde calquera ordenador conectado a Internet cun sistema de autenticación que pedirá a acreditación da identidade da persoa electora. O voto irá a unha urna dixital remota ubicada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da Universidade da Coruña.

O proceso de votación elixirá representantes do estudantado no Claustro, representantes en Xuntas de Centro e representantes nos Consellos de Departamento, do seguinte xeito:

1. Renovación dos/as representantes no Claustro Universitario: Estudantado de 1º, 2º e 3º ciclos, de grao e de mestrados oficiais. 2. Eleccións de representantes en xuntas de centro dos seguintes sectores:

• Restantes categorías de profesorado que imparta docencia maioritaria no centro, e persoal investigador e en formación que colabore na docencia.
• Estudantado de 1º, 2º e 3º ciclos, de grao e de mestrados oficiais.
• Persoal de administración e servizos.
3. Eleccións de representantes nos consellos de departamento dos seguintes sectores:

• Profesorado a tempo parcial e persoal investigador en formación que colabore na docencia e, no seu caso, dos/as lectores/as integrados/as no departamento.
• Estudantado no ámbito da docencia do departamento do que, de ser o caso, o 40% corresponderá a estudantes de doutoramento.
• Persoal de administración e servizos.

Fonte: udc.es