Oficina CEER
 18-02-2013
A UDC CELEBRARÁ O DÍA MUNDIAL DA XUSTIZA SOCIAL CON VARIAS ACTIVIDADES

A Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación, a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña celebrará o mércores, 20 de febreiro, o Día Mundial da Xustiza Social cun programa de actividades centradas nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) das Nacións Unidas. O obxectivo é desenvolver un novo programa de voluntariado en educación para o desenvolvemento que pretende sensibilizar a comunidade universitaria en cuestións de dereitos humanos e desenvolvemento humano sustentable. Así, no Centro Cultural Universitario do Campus de Esteiro, en Ferrol, poderá visitarse entre hoxe e o día 22 deste mes unha exposición sobre os ODM que estivo previamente na Escola Universitaria Politécnica, en Serantes.

Para o día 20, a Universidade organiza actividades lúdicas que se desenvolverán en horario de mañá e tarde (de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas), na praza anexa ao Centro Cultural Universitario no caso do Campus de Ferrol. No Campus da Coruña, as actividades celebraranse na Facultade de Ciencias da Educación en horario de mañá e na Facultade de Economía en horario de tarde. A través de xogos divertidos e interactivos, o voluntariado chamará a atención da comunidade universitaria sobre a importancia da súa participación como cidadanía activa na demanda de xustiza social, unha iniciativa na que se espera que participe activamente a comunidade universitaria. A organización prevé entregar diversos premios ás persoas participantes.

Fonte: http://www.udc.es/ Máis información: http://www.udc.es/ocv