Oficina CEER
 18-02-2013
2300 VERSOS INÉDITOS QUE SITÚAN A OTERO PEDRAYO COMO UN DOS GRANDES POETAS DO SEU TEMPO

Da man do profesor Manuel Forcadela e das investigadoras Silvia Penas e Ana Belén Crespo.

Publicado pola Editorial Galaxia, as fundacións Penzol e Ramón Otero Pedrayo e o Consello Social da Universidade.

“Un gran canto á paisaxe de Galicia e unha procura das súas raíces como nación”. Así define o profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Manuel Forcadela Xeórxicas do Pan de Otero Pedrayo “un achado extraordinario que vén subverter a idea que tiñamos do autor como poeta así como alterar a paisaxe literaria do seu tempo, tal e como foi concibida até agora pola historiografía literaria”. Trátase dun longo poema de máis de 2.300 versos na súa versión máis ampla e que se edita –en edición de Silvia Penas- nas tres versión atopadas, xunto con reproducións dos manuscritos orixinais así como de debuxos do autor. O libro, editado por Galaxia en colaboración coa Fundación Penzol e o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, preséntase este venres na Casa Galega da Cultura ás sete da tarde coa participación de todas as entidades implicadas.

Todo se iniciou a principios de 2011 cando un grupo de investigación formado polo profesor Manuel Forcadela, director, e as investigadoras Ana Belén Crespo e Silvia Penas, integrantes do grupo de investigación GAELT da Facultade de Filoloxía e Tradución, asumiron, co financiamento do Consello Social da Universidade, o reto, que chegou da man da Fundación Penzol, de pórse a investigar o voluminoso conxunto de textos manuscritos de Ramón Otero Pedrayo que esa fundación posúe, como herdeira legal do espolio oteriano. “Nunha primeira fase dedicámonos a dixitalizar os documentos e logo clasificámolos”, apunta Forcadela, que subliña que este labor que estaba en grande medida xa feito polos arquiveiros da Fundación Penzol.

Axendas, cadernos, notas... escritas no Castromil, no taxi... O corpus documental do proxecto estaba composto polo conxunto de axendas e cadernos de notas gardados nos arquivos da fundación. Tratábase, pois, de dixitalizar, transcribir e clasificar unha serie de cadernos manuscritos que contiñan múltiples notas “tanto referentes a asuntos persoais ou patrimoniais, como de carácter literario, biográfico, de lectura ou vinculadas quer aos seus estudos e investigacións quer a súa obra de creación”, subliña Silvia Penas, ao que Forcadela engade que moitos destes documentos foron escritos no Castromil e no taxi, durante os desprazamentos que Otero levaba a cabo entre Trasalba, Ourense e Compostela “cunha caligrafía endiañada, nun galego cheo de hiperenxebrismos e con moitísimas referencias cultas”.

“O que producimos foi unha chea de arquivos dixitais nos que, á beira da reprodución do documento orixinario, consta a transcrición fidedigna dese documento”, recalca Forcadela, que explica que no medio de todo iso, apareceron textos inéditos de vocación especificamente literaria: contos, fragmentos de novelas, poemas, aforismos, resumos de libros lidos, esquemas para clases e conferencias, así como unha primeira versión de As xeórxicas do pan.

O texto que agora se presenta permaneceu inédito ata a actualidade e só se coñecía unha versión moi pequena -arredor de trinta versos fronte aos máis de dous mil dos que estamos a falar- atopada nos fondos do Pazo de Trasalba por Xesús Alonso Montero e e publicada no volume Poesía de Ramón Otero Pedrayo editado por Galaxia no ano 2010.

“Un dos grandes textos da tradición literaria galega de todos os tempos”.
Desde o punto de vista da historia da tradición literaria galega, o interese da obra devén do feito de que permite situar a Ramón Otero Pedrayo, ata agora sempre mencionado pola súa condición de narrador, historiador, xeógrafo, ensaísta, como un dos grandes poetas do seu tempo. “O curioso é que Otero é poeta sempre, mesmo cando exerce de historiador ou de xeógrafo, e pola mesma, é historiador e xeógrafo tamén, cando exerce de poeta. E hai sempre ese tema central da paisaxe como depositaria das pegadas da humanidade sobre a natureza, a paisaxe como documento da nosa historia”, subliña Manuel Forcadela, que recalca que, a través deste poema, o poeta celanovés pide vez para entrar no canon dos grandes poetas do seu tempo, xunto a Ramón Cabanillas, a Noriega Varela, e faino, ademais, pola porta grande. “Eu creo que estamos diante dun dos grandes textos da tradición literaria galega de todos os tempos”, engade o director da publicación.

Meses de traballo minucioso.
De tanto meses de traballo minucioso, o equipo de investigadores da Universidade destacan que o que máis os sorprendeu foi, non só o feito de que Otero fose un polígrafo, “cousa que xa sabiamos, alguén que escribía de todo aquilo sobre o que sentía algún interese intelectual ou sentimental, senón, e sobre todo, que fose un grafómano, alguén que non podía parar de escribir”, recalca Forcadela, que explica que só desa maneira se pode explicar a enormidade da súa produción literaria, ensaística, de investigador, de erudito... Chamoulles tamén a atención o feito de que a primeira versión de As Xeórxicas do pan estivese tan ben caligrafada. Fronte a outros textos, onde a calidade da redacción e da caligrafía facía pensar que se trataba de anotacións espontáneas, carentes aínda do traballo de pulcritude estilística, As Xeórxicas do pan estaban nunha versión gráfica excelente, moito menos dificultosa, como se Otero estivese a preparar o manuscrito para envialo á imprenta en canto puidese. “A nosa sorpresa foi comprobar que había aínda dúas versións posteriores que aumentaban o número de versos. De tal maneira que, se a primeira versión consta de 772, a segunda xa chega aos 1661 e a terceira aos 2401”, engade, ao tempo que subliña o feito de que se trata, en todo caso, dun poema inacabado, do que aínda poden aparecer ulteriores versións.

En canto á posibilidade de que poidan aparecer máis traballos inéditos do escritor, os investigadores os investigadores subliñan que se trata dalgo posible e mesmo probable, xa que entre a documentación manexada hai aínda outras cousas que tamén poderían ser publicables, algo para o que sería preciso financiamento xa que se trata dun tipo de investigación moi dificultosa que obriga a ter profesionais expertos traballando minuciosamente durante moito tempo “e xa sabemos como está o financiamento do I+D nestes momentos”, recalca Forcadela.

Fonte: duvi.uvigo.es