Oficina CEER
 26-02-2013
A SECCIÓN DE XAPONÉS DO CLM DA USC COLABORA CUN PROXECTO CULTURAL EN RECORDO DAS VÍTIMAS DO TERREMOTO E DO TSUNAMI DE 2011

O alumnado de xaponés do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC será o encargado de traducir as mensaxes que dan título a unha exposición fotográfica virtual en memoria das persoas damnificadas polo terremoto e tsunami de marzo de 2011 en Xapón.

Como explica a profesora de xaponés da USC Minako Takahashi, “trátase de que as mensaxes que albergan as fotografías, unha honra da memoria das vítimas, cheguen o máis lonxe posible e poidan entenderse en calquera parte do mundo”.

O proxecto Fukkou no Noroshi (http://fukkou-noroshi.jp/en/) realízase en colaboración coa Asociación de Profesores de Xaponés en España, que á súa vez participa na iniciativa ‘ Grazas España, Ánimo Xapón’ con outros centros e institucións culturais de ámbito estatal.

Fonte: xornal.usc.es