Oficina CEER
 26-02-2013
A FACULTADE DE ENFERMARÍA DO SUR DE GALICIA SERÁ REALIDADE NO CURSO 2014/2015

Universidade e Deputación de Pontevedra selan unha "alianza estratéxica" que se concreta en sete campos.

Acordouse tamén a posta en marcha da Rede Aloia que fará agromar os avances no séctor forestal.

O Plan de Integración das Escolas de Enfermaría do sur de Galicia está xa en marcha. Tras ano e medio de intenso traballo de colaboración entre ambas institucións, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra anunciaron este luns que a futura Facultade de Enfermaría do sur de Galicia será unha realidade no curso 2014/2015. Segundo adiantaron o reitor vigués, Salustiano Mato, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, ao remate dunha xuntanza de traballo que tivo lugar na propia reitoría, o borrador do documento de integración conta xa co beneplácito das consellarías de Sanidade e Educación, e isto permite que xa se constituíran varios grupos de traballo nos que están representados tanto a Universidade, como as consellerías e a deputación traballando nun documento definitivo que se asinará antes de que remate o curso. Segundo explicaron os responsables de ambas institucións, o calendario previsto é que a principios do curso que ven se inicie o proceso real de integración e, será entón, cando dunha forma “secuenciada e ordenada” se levará a cabo toda unha serie de pasos administrativos e burocráticos para que a nova Facultade de Enfermaría estea xa totalmente operativa no curso 14/15 con tres sedes: Ourense, Pontevedra e Vigo (Meixoeiro).

Na actualidade a Universidade de Vigo imparte estudos de Enfermaría en Ourense, Pontevedra e Vigo –nos centros de Meixoeiro e Povisa-. Tal como subliñou Rafael Louzán, a propia Deputación de Pontevedra é titular dun destes centros o que lle supón un custe anual de arredor de medio millón de euros, "aínda que quen leva o peso educativo é a propia Universidade", explicou Rafael Louzán, que insistiu en que no futuro “todo o labor de coordinación debe levalo a cabo a Universidade”, se ben, segundo subliñou, a institución académica poderá seguir contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra xa que "os fondos económicos que tiñamos para isto, ímolos ter igual, pero coa garantía de que o liderado desa escola o vai asumir con profesores titulares a propia Universidade".

Posta en marcha da rede Aloia e cursos de especialización en Viticultura.

Xunto á escola de Enfermaría, onde os avances son xa determinantes, outro dos puntos de traballo máis avanzados é a posta en marcha da Rede Aloia, un proxecto co que facer agromar todo o ecosistema de coñecemento do ámbito forestal que se está a xerar na provincia de Pontevedra, onde catro centros teñen o sector forestal como principal eixe de traballo: a Escola de Enxeñaría Forestal, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Misión Biolóxica de Galicia. "Agora o obxectivo é conseguir que os catro traballen en rede", subliñou o responsable da Deputación, que se referiu ao sector forestal como "estratéxico" para o futuro da provincia.

Outro sector clave de colaboración será, ademais do forestal, a viticultura, onde se tratará de pór en marcha varios cursos de especialización en enoloxía, comercialización e restauración. Rafael Louzán, que destacou a importancia do sector vitivinícola para a provincia, adiantou que o obxectivo é que este primeiro curso de especialización se poña en marcha no propio 2013.

Campus do Deporte.

A colaboración Universidade - Deputación de Pontevedra, vaise estender tamén ao eido deportivo. Neste contexto seguirán ampliándose as colaboracións co Centro de Alto Rendemento en Pontevedra, xa que, segundo explicou o reitor, este traballo conxunto é un dos eixes básicos do Plan Estratéxico de Especialización que se está a preparar para o campus de Pontevedra, e "que ten no deporte e na saúde un dos seus principais vectores".

Ademais, en materia de instalacións deportivas, o responsable da Deputación adiantou que se abordará a elaboración dun proxecto para dotar o campo do Blusens Universidade de Vigo de Rugby de herba sintética e facelo tamén compatible para fútbol, así como estudar a posibilidade dunha pequena cuberta para a bancada. "Non son tempos fáciles pero cremos que é unha necesidade e se podemos debemos colaborar", subliñou Louzán.

Plan de apoio ás "Casas" de estudantes.

Durante a xuntanza de traballo concretouse tamén un plan de apoio da Deputación ás residencias de estudantes en Pontevedra. Tras a boa acollida da Casa Inglesa, que se puxo en marcha este curso, ambos organismos estudan xa a posibilidade de pór en marcha outras "Casas" de estudantes, tanto para alumnado estranxeiro “para que teñan unha aprendizaxe do castelán e do galego moito máis dinámico”, subliñou Mato, como para mergullar o alumnado propio no estudo doutras linguas.

Melloras en infraestruturas.

O traballo conxunto incluirá tamén a busca de proxectos europeos en común entre ambas organizacións, así como a realización de varias melloras en infraestruturas, entre elas a sinalización vertical e horizontal do vieiro de acceso á Universidade. Fonte: duvi.uvigo.es