Oficina CEER
 28-02-2013
A UDC DESTINA UNHA PARCELA DE ELVIÑA Á CREACIÓN DE HORTAS URBANAS

A Universidade da Coruña poñerá a disposición de todos os membros da súa comunidade universitaria un total de 25 parcelas de 20 metros cadrados para o seu uso como hortas urbanas, nun espazo situado enfronte á Facultade de Economía e Empresa e a carón do Edificio de Apoio á Investigación no Campus de Elviña. O Consello de Goberno aprobou esta mañá esta iniciativa da Oficina de Medio Ambiente, canalizada pola Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas. O obxectivo destas hortas urbanas é, segundo comentou o director da Oficina de Medio Ambiente, Manuel Soto, “cubrir unha demanda social de cultivar unha pequena horta nas cidades pero, sobre todo, manter un espazo de produción de alimentos de forma ecolóxica”.

As normas que regulan o emprego destas hortas recolle especificamente que o uso das mesmas será para o autoconsumo familiar e que non se poderán destinar á venda os produtos obtidos nas parcelas. Ademais non se permitirá a plantación de árbores froiteiras nin a explotación de animais nos terreos. A práctica da produción ecolóxica limita a plantación de determinadas especies e o emprego de certos herbicidas, produtos fitosanitarios e plásticos, e promove o uso de fertilizantes naturais.

A Universidade ten previsto sacar a convocatoria en breve para comezar as plantacións nesta primavera, sempre que o tempo o permita. Os adxudicatarios poderán facer uso da parcela por un período de dous anos renovables por outros dous como máximo. Deberán pagar unha cota anual mínima para cubrir os gastos de funcionamento e outros derivados desta iniciativa. Os usuarios das parcelas recibirán ao inicio da actividade unha sesión informativa do uso das mesmas e poderán utilizar as ferramentas que a Universidade poñerá á disposición dos beneficiarios. É motivo de baixa, estipula o regulamento, o abandono ou descoido da horta por un período superior a un mes.

A vicerreitora de Planificación Estratéxica e Infraestruturas, Amalia Blanco, presentou tamén esta mañá en sesión de Consello de Goberno o documento de partida do novo Plano Estratéxico da Universidade da Coruña, que elaborará o Adxunto de Planificación Estratéxica, Paolo Rungo. Blanco recoñeceu a valía do anterior Plano Estratéxico que “sentou as bases das accións que se desenvolveron ata o de agora e marcou as grandes direccións de desenvolvemento estratéxico da Universidade”. A vicerreitora destacou como un dos grandes logros dese documento “a implicación e o consenso nos órganos colexiados da Universidade na súa aprobación”. O novo Plano Estratéxico márcase un horizonte temporal ata 2020 dado que converxen nese ano as estratexias que se están a desenvolver a nivel europeo e español e que afectan ás misións tradicionais da universidade, que son a docencia, investigación, desenvolvemento e innovación. Non obstante, o plano estratéxico universitario incorporará mecanismos de revisión para adaptarse aos cambios no seu contorno.

O Plano Estratéxico basearase nunha reflexión profunda sobre a realidade da institución, a súa cultura e a súa evolución histórica, así como das súas capacidades, recursos e competencias, e deberá ter obxectivos claros e metas concretas e realistas que apunten cara ao modelo de universidade que a comunidade universitaria quere para o futuro. Na sesión de hoxe do Consello de Goberno deuse visto e prace tamén a outras cuestións de xestión académica e do persoal universitario.

Fonte: udc.es