Oficina CEER
 09-04-2013
ESTREA NO ROSALÍA DE CASTRO DOS GRUPOS DE TEATRO E DANZA DA UDC

A vixésima edición do Festival de Teatro Universitario da Coruña, FITEUC 20, prosegue ao longo desta semana con novas funcións en Normal, no Fórum Metropolitano e no Teatro Rosalía de Castro. A seguinte cita será o mércores, 10 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro, onde a Aula de Teatro da UDC-Teatro Normal, estreará a obra A burla do galo, de Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Rubén Ruibal. O xoves 11 de abril terá lugar tamén no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20:30 horas a estrea das novas producións de danza a cargo do grupo I+Danza da UDC, que porá en escena a montaxe Fóra de cadro, baixo a coreografía e dirección de Rut Balbís, e a Aula de Danza da UDC, Danza Normal, que representará 2M2 de pel, tamén baixo a coreografía e dirección de Rut Balbís.

Xa para a vindeira semana, concretamente o martes 16 de abril, renderase homenaxe a Vidal Bolaño cunha representación no Fórum Metropolitano a partir das 20:30 horas inspirada en varias pezas do autor e representada por Cordelia, Aula de Teatro de Ourense, baixo a dirección de Elena Seijo e Fina Calleja. O mércores 17 de abril Vidal Bolaño seguirá a ser o protagonista, xa que Corifeo Teatro, da UDC, porá en escena no Fórum Metropolitano ás 20.30 horas a súa obra Integral, dirixida por María Fernández Verdía. Os días 18 e 19 de abril a danza centrará as xornadas, que se desenvolverán en Normal a partir das 20:30 horas. O xoves 18 actuarán I+Danza da UDC con Fóra de Cadro, D-ou-tras, de Ourense, con Oco e a Escola de Danza Contemporánea de Narón con Muller Dolly. O venres 19 as representacións correrán a cargo da Aula de Danza da UDC, Danza Normal, con 2M2 de pel; o grupo USC Danza, con Comunicando, e TratrUbi e Asta, da Universidade da Beira Interior, coa obra Parecia que dançávamos. Tu vestido de príncipe e eu núa.

A programación para o mes de maio contempla dúas representacións. A primeira delas terá lugar o día 6 no Fórum Metropolitano a partir das 20.30 horas, con Animaliños, de Roberto Vidal Bolaño, a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Vigo e dirixida por Pepa Barreiro. O festival concluirá o día 7, tamén no Fórum Metropolitano ás 20.30 horas, coa obra No espello, que levará á escena o TUF, Teatro Universitario de Ferrol, dirixida por Gonçalo Guerreiro.

Fonte: udc.es