Oficina CEER
 10-04-2013
CONFERENCIA DUNHA BIÓLOGA ALEMÁ SOBRE A EVOLUCIÓN DAS AVESPAS

O Salón de Actos do Edificio de Servizos Centrais de Investigación da Universidade da Coruña acollerá mañá, xoves, 11 de abril, ás 19.00 horas, a presentación do proxecto de investigación da bióloga alemá Mareike Wurdack, que vén de gañar o certame denominado AllGenetics-EMPSEB Award 2012 polo seu traballo presentado no XVIII European Meeting of PhD Students in Evolutionary Biology, EMPSEB (Encontro Europeo de Estudantes de Doutoramento en Bioloxía Evolutiva). Este recoñecemento é outorgado pola compañía de base tecnolóxica da UDC AllGenetics ao mellor traballo presentado no EMPSEB, que este pasado ano se celebrou en Virrat (Finlandia), e que supón unha plataforma para mozos investigadores de dar a coñecer o seu traballo a outros científicos de toda Europa.

Wurdack, que traballa como investigadora no grupo do doutor Thomas Schmitt na Universidade de Friburgo, falará da coevolución de catro especies de avespa que desenvolven un proceso evolutivo coñecido como "carreira de armamentos". A súa charla enmárcase nun dos eventos do programa Infuscience que a compañía AllGenetics vén organizando en colaboración coa Universidade da Coruña e Teagarden. Están inspirados na iniciativa dos denominados Café Scientifique e teñen como obxectivo divulgar o traballo dos investigadores nun ambiente máis distendido.

Deste xeito, AllGenetics pretende contribuír ao intercambio de experiencias entre investigadores da UDC e doutros países, dentro da área da bioloxía evolutiva, así como fomentar a divulgación da ciencia entre a comunidade universitaria. AllGenetics volverá a patrocinar o AllGenetics-EMPSEB Award na próxima edición do congreso que, desta volta, terá lugar na Universidade de Exeter (Reino Unido).

Fonte: udc.es