Oficina CEER
 10-04-2013
A UDC ALÍASE COA EMPRESA PARA OPTAR A SUBVENCIÓNS DE 7 MILLÓNS

A Universidade da Coruña vén de presentar as solicitudes para a convocatoria FEDER-INNTERCONECTA por un valor total de sete millóns de euros para desenvolver proxectos de innovación e desenvolvemento con empresas da área metropolitana da Coruña.

As axudas FEDER-INNTERCONECTA para Galicia están xestionadas polo CDTI en colaboración coa Axencia Galega de Innovación e buscan promover grandes proxectos integrados de desenvolvemento experimental e industrial en áreas estratéxicas para impulsar a I+D de Galicia. Para concorrer a estas axudas precísase a cooperación entre as empresas e os organismos de investigación, polo que a Universidade da Coruña buscou aliados entre empresas galegas de sectores estratéxicos para o desenvolvemento do país. En concreto, asináronse 79 contratos de I+D con 64 empresas galegas para presentar 33 proxectos a esta convocatoria, o que supón preto do 30% das propostas de I+D presentadas en Galicia, que foron 119. Nestes contratos participan un total de 21 grupos de investigación da Universidade da Coruña destacando os ámbitos das tecnoloxías da información e a comunicación e as enxeñarías. A convocatoria está dotada con 75 millóns de euros, dos que os centros de I+D só poden optar ao 15% dos recursos e o resto é para o sector empresarial.

Os proxectos INNTERCONECTA buscan levar ao mercado produtos e servizos de I+D+i de alto valor engadido, que poñan, polo tanto, ás empresas en disposición de competir nun mercado global mediante a calidade e a innovación nas súas solucións. Segundo manifestou o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, este programa “é un acicate para impulsar e consolidar a colaboración entre a universidade e a empresa, nunha etapa en que os recursos económicos dedicados á I+D+i son cada vez máis escasos”. Os grupos de investigación da Universidade da Coruña, avaliados notablemente por organismos independentes, participan habitualmente en actividades relacionadas co sector empresarial, como se puido comprobar na exposición “A Universidade coa empresa” que tivo como marco a zona do Obelisco na Coruña e os Cantóns de Molíns en Ferrol a finais do ano pasado e na que, por medio de paneis explicativos, daba conta de varias accións de transferencia de tecnoloxía e de coñecemento entre a Universidade e as empresas.

Fonte: udc.es