Oficina CEER
 12-04-2013
PROGRAMAS DE SIMULTANEIDADE DA UVIGO: UNHA CARREIRA, DOUS TÍTULOS E UN PERFIL PROFESIONAL ÚNICO

O vindeiro curso porase en marcha en Ourense o primeiro programa de simultaneidade da Universidade.

O alumnado obterá ao tempo os graos de Administración e Dirección de Empresas e de Enxeñaría Informática.

No mundo empresarial as novas tecnoloxías xogan cada vez máis un papel decisivo. A xestión, a produción, a distribución, a comercialización, a comunicación, o márketing e calquera outra área da empresa ten na tecnoloxía unha das súas principais ferramentas de traballo e de éxito. Por este motivo, cada día máis o mercado laboral demanda profesionais que teñan competencias e capacidade de actuación no eido económico pero tamén no TIC. Para dar resposta a esta necesidade, a Universidade de Vigo ofrecerá o vindeiro curso un programa que permitirá aos alumnos que o cursen estudar de xeito simultáneo o Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Enxeñaría Informática, ambos impartidos no campus de Ourense. Aproveitando os recursos xa existentes, os promotores da iniciativa queren ofrecer así unha solución innovadora e de calidade que atraia e forme a estudantes e profesionais de excelencia.

“É un programa único na Universidade de Vigo e en Galicia, que se adianta aos tempos e que dará unha vantaxe competitiva diferenciada a quen o realice”, destacou recentemente Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, sobre esta iniciativa, que foi promovida por Elisa Alén, que este xoves rematou o seu mandato como decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e por Enrique Barreiro, que foi director da Escola Superior de Enxeñaría Informática ata a semana pasada. “Estamos ante unha aposta estratéxica para atraer estudantes de excelencia que doutro modo non virían ao campus de Ourense. É un programa serio e de calidade que permite ofrecer unha opción formativa moi novidosa aproveitando os recursos humanos e materiais dos que xa dispoñen os centros”, apunta Elisa Alén. “Trátase dunha iniciativa pioneira na Universidade de Vigo que dará aos seus estudantes competencias altamente demandadas polas empresas pero moi difíciles de atopar na actualidade no mercado laboral. É unha oportunidade única que agardamos que os futuros universitarios saiban aproveitar axeitadamente”, subliña Enrique Barreiro.

20 prazas e un semestre en cada centro
O programa de simultaneidade, que terá matrícula específica, porase en marcha no curso 2013/2014 ofrecendo 20 prazas. Os estudantes que sexan admitidos realizarán 372 créditos ECTS en total, 270 deles obrigatorios dos dous graos, 90 de formación básica e 12 de traballo fin de grao. Cunha duración de cinco anos e medio de docencia máis o traballo fin de grao, cada curso terá unha carga académica de 66 créditos ECTS, fronte aos 60 habituais, xa que se trata dun programa no que se intensifica a docencia a pesar de que se convalidan algunas materias entre os títulos que se cursan.

Os alumnos estarán cada semestre nun centro do campus de Ourense, un na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e outro na Escola Superior de Enxeñaría Informática, excepto un semestre que será compartido. “O programa é moi sólido e atractivo para o alumnado polo que animamos a que se matriculen nel estudantes con ganas de levar as dúas titulacións ao mesmo tempo e de destacar no futuro pola súa formación diferenciada”, engade Elisa Alén. Ao rematar o programa, os participantes obterán as dúas titulacións e un perfil profesional único que xorde da suma das dúas formacións.

Este programa de simultaneidade foi aprobado no Consello de Goberno da Universidade de Vigo o pasado 22 de marzo, no marco do obxectivo desta institución de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible nos tres campus. Do mesmo xeito, o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo celebrado a principios de abril no campus de Ourense tamén se pronunciou a favor da proposta para simultanear estes estudos de grao, destacando que esta formación combinada dará resposta a unha demanda concreta e moi valorada do mercado de traballo como é a de profesionais con capacidade para actuar e tomar decisión no eido empresarial pero tamén no das TIC.

Fonte: duvi.uvigo.es