Oficina CEER
 17-04-2013
NOVE MINUTOS PARA EXPLICAR COMO O USO DO TORNIQUETE EN CATÁSTROFES E ATENTADOS PODE SALVAR VIDAS

Sete alumnos de Enfermaría gañan unha bolsa de 3000 euros nun congreso estatal celebrado en Santiago.

O estudo trata de aplicar á sociedade civil a experiencia adquirida no campo militar deste instrumento.

Controlar a hemorraxia paso por paso, dende intentar detela exercendo presión ou aplicando unha vendaxe compresiva ata ter que botar man do torniquete para evitar males maiores. Ese foi un dos aspectos no que se centrou a comunicación oral O uso do torniquete no ámbito prehospitalario, co que un grupo de sete alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra acaban de gañar unha bolsa de estudos valorada en 3000 euros no XXVI Congreso Estatal celebrado en Santiago de Compostela, no que competiron con outros seis traballos de alumnado de toda España. “Comezamos a investigar no tema porque durante a carreira faciamos moito fincapé en temas como a reanimación cardiopulmonar, pero críamos que estabamos moi verdes nunha cuestión tan importante como o control da hemorraxia en casos de amputacións en accidentes laborais, por exemplo”, explica Sebastián González, un dos alumnos galardoados xunto a Clara Pazos, Silvia Hermida, Paula Rivas, Itziar Seijo, Victoria Ordóñez e Vanesa Carril.

Durante un mes e guiados polo profesor e enfermeiro Felipe Fernández, este grupo de estudantes revisou toda a literatura médica relacionada co tema en bases de datos sanitarias, a maioría delas militares, o contexto no que o uso de torniquetes prehospitalarios está máis estendido e estandarizado. “A maioría das mostras foron tomadas en diferentes guerras e achegan datos tan relevantes como que en Vietnam poderíase ter salvado ao 40% das vítimas facendo un uso correcto desta técnica”, recorda. O estudo evidenciou que en caso de batalla 7 de cada 10 mortes poderíanse ter evitado grazas ao torniquete, polo que os alumnos e alumnas de Pontevedra quixeron enfocar todos os avances feitos no campo militar ao ámbito civil para situacións como catástrofes naturais ou atentados.

Investigación militar
Durante nove minutos escasos, Sebastián González expuxo ante o comité científico o traballo recollido por estes sete estudantes de 3º curso de grao de Enfermaría de Pontevedra e no que o xurado non só valorou o deseño senón tamén o resultado do estudo. Ademais, durante a quenda de preguntas e debate quedaron patentes “as moitas incongruencias que se dá na literatura médica sobre este tema”, o que abre unha posible vía para continuar coa investigación. A pesar de que era unha práctica limitada polos potenciais problemas de saúde dos pacientes nos que se aplicaba, “a maioría dos avances en torniquetes están en mans dos militares”. A análise das baixas nos primeiros anos nas guerras de Afganistán e Iraq demostrou que un elevado porcentaxe de mortes poderían terse evitado se as hemorraxias de deterse nos primeiros minutos da ferida. Por iso agora fan unha aplicacións sistemática dos torniquetes, “un instrumento que cada soldado que vai a Afganistán leva no seu equipo”.

Preparación do EIR
Coa bolsa acadada no XXVI Congreso Estatal de Estudantes de Enfermaría, os alumnos e alumnas de Pontevedra poderán preparar o exame de Enfermeiro Interno Residente (EIR) en calquera centro da Academia CTO. González aproveitará a oportunidade para prepararse no centro de Santiago de Compostela, aínda que non desbota a posibilidade de compatibilizalo cun mestrado ou mesmo coa preparación do doutoramento porque este traballo “fixo que me picara a curiosidade”.

Fonte: duvi.uvigo.es