Oficina CEER
 24-04-2013
A USC CONMEMORA O DÍA DA XEOGRAFÍA

A USC conmemora este xoves 25 o Día da Xeografía na USC cun acto no Colexio de Fonseca a partir das 11.00 horas no que, ademais dunha conferencia do catedrático da Autónoma de Madrid Eduardo Martínez de Pisón, o Colexio de Xeógrafos de Galicia fará unha presentación sobre as saídas profesionais da Xeografía e entregaranse os premios do I Concurso de Logotipos e Lemas de Xeografía.

A conferencia de Martínez de Pisón leva por título ‘As paisaxes de Montaña’, tema no que está considerado como un dos seus principais especialistas de España, ademais de atoparse entre os xeógrafos máis mediáticos e de maior prestixio. Colaborador do programa de televisión Al filo de lo imposible e doutros documentais, é autor de numerosos libros sobre as montañas no mundo, o último deles acábao de presentar o Instituto Cervantes en Pekín en novembro do pasado ano.

Premio Nacional de Medio Ambiente en 1991, o seu labor no eido da investigación céntrase especialmente no ámbito das paisaxes naturais, xeomorfoloxía de cordilleiras, pensamento xeográfico e xeografía medioambiental. No capítulo divulgador destacan a súa participación como asesor xeográfico en documentais no Polo Norte, Alaska, Siberia, nos desertos de Gobi ou Taklamakán, na Ruta da Seda, Karakorum, , Himalaya, Tíbet, Cordilleiras Kunlún e Hengduan, entre outros lugares.

Fonte: xornal.usc.es