Oficina CEER
 24-04-2013
165.000 EUROS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS, MOBILIDADE E INVESTIGACIÓN NA UVIGO

A Universidade e a Deputación de Ourense renovaron este martes o seu convenio de colaboración anual.

Salustiano Mato e Manuel Baltar salientaron a alianza estratéxica que existe entre a provincia e o seu campus.

A realización de programas en materia de cultura, de educación, de deporte, de mobilidade estudantil e de investigación que redunden en beneficio de Ourense e da sociedade en xeral. Con este obxectivo, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, asinaron este martes un novo convenio de colaboración anual entre as dúas institucións, dotado nesta edición con 165.000 euros. “O mantemento desta colaboración en tempos de crise e de recortes é impagable. A Deputación de Ourense é un socio inestimable do campus desde o primeiro momento do seu nacemento, sígueo sendo na actualidade e de seguro o será no seu futuro”, destacou Salustiano Mato durante a sinatura do acordo na cidade das Burgas.

O reitor da Universidade de Vigo quixo salientar que a tradicional colaboración entre estas dúas institucións supón unha alianza estratéxica cun alto valor engadido, non só pola súa continuidade no tempo senón tamén porque é unha suma de esforzos para multiplicar as accións e o seu impacto. “A sinatura deste convenio fala alto e claro da colaboración que existe entre as dúas institucións”, subliñou Baltar Blanco. O presidente da Deputación Provincial quixo recalcar a máxima disposición do órgano que preside “para conseguir que a Universidade e o campus de Ourense sexan máis fortes e máis especializados”, destacando que “este convenio é unha porta aberta a outros tipo de actuacións” pois, apuntou, en tempos de crise o traballo entre institucións non é só unha cuestión económica, senón tamén de iniciativas.

Tres eixes de colaboración
Concretamente, o convenio asinado este martes está destinado a financiar tres liñas de actuación do campus de Ourense ao longo do ano 2013. En primeiro lugar, un programa de proxección universitaria e actividades culturais que inclúe a programación da Sala Altararte, os obradoiros cuadrimestrais, as mostras de teatro Miteu e Moti, os roteiros culturais, o coro universitario, os cursos de verán, o concerto de Nadal, a Cátedra Carlos Casares e a celebración das iniciativas Visións de Galicia e Portugués Perto. A segunda das liñas é un programa de apoio á mobilidade estudantil, concretamente destinada á concesión de axudas complementarias ao alumnado do campus de Ourense que participa no Programa Erasmus. Por último, o convenio asinado tamén inclúe un programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense. A contía total que destina a Deputación Provincial a estas accións ascende a 165.000 con IVE incluído.

Alén destes programas concretos, o presidente da Deputación Provincial tamén quixo aproveitar a ocasión para agradecer a participación da Universidade de Vigo no futuro Observatorio de Sostenibilidade de Ourense, que se creará proximamente no marco dunha rede estatal de centros deste tipo e que ten como obxectivo a recompilación de información ambiental, económica e social da provincia e o intercambio de información, coñecemento, investigación e xestión sobre a sostibilidade. Manuel Baltar subliñou que a rápida aceptación por parte da Universidade do convite para unirse a esta iniciativa é un xesto máis da aposta da institución académica polo futuro de Ourense.

“A pesar da complicada situación que nos rodea temos que dicir que a Universidade ten futuro e que o campus de Ourense ten un futuro salientable”, recalcou Salustiano Mato. Coa consolidación da súa oferta académica, coa súa especialización a través do proxecto do Campus da Auga e co mantemento do apoio institucional que ten na cidade e na provincia, destacou o reitor da Universidade de Vigo, o campus de Ourense “ten un rumbo xa marcado” e quixo agradecer o mantemento do apoio da Deputación un ano máis.

Fonte: duvi.uvigo.es