Oficina CEER
 29-04-2013
PREMIO INTERNACIONAL PARA A ANTENA DUN SISTEMA DE RADAR QUE DETECTA ARMAS E EXPLOSIVOS BAIXO A ROUPA

Os investigadores Antonio García Pino, Óscar Rubiños e Borja González recibiron o Best Antena Desing Award.

Seleccionado entre os 1000 presentados na conferencia máis prestixiosa nesta materia, celebrada en Suecia.

Presentáronse máis de 1000 traballos, pero a calidade e a innovación con selo vigués fíxose cun dos catro premios que outorga a Conferencia Europea de Antenas e Propagación, EuCAP 2013, que se celebrou en Goteborg, Suecia, entre o 8 e o 12 de abril. O deseño de antenas para a detección a distancia de armas e explosivos creado polos profesores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e membros de AtlantTIC, Antonio García Pino, Óscar Rubiños e o investigador Borja González Valdés, que se atopa realizando unha estancia na Northeastern University de Boston, foi seleccionado polos expertos participantes neste congreso como Best Antena Desing Award, a mellor proposta de deseño de antenas. Como explica García Pino, “o artigo premiado presenta un sistema de radar de imaxe na banda de Terahercios, ideado para aplicacións de seguridade, xa que as ondas electromagnéticas destas frecuencias teñen capacidade de penetración nas prendas de vestir e, polo tanto, permiten a detección de armas ou explosivos ocultos baixo a roupa”.

Neste traballo participaron tamén tres investigadores da Universidade Politécnica de Madrid, Jesús Grajal, Beatriz Mencía e José Luis Besada, que colaboran co grupo de Antenas da Universidade de Vigo nun proxecto coordinado e financiado polo Plan Nacional de I+D+i. Precisamente, o prototipo atópase en Madrid para a realización das probas de radar. Como explica García Pino, esta parcería entre os investigadores vigueses e madrileños está financiada entre 2012 e 2014 e conta con dúas liñas diferenciadas de traballo, unha a que vén de recibir o premio e outra, que se centra no deseño de radares meteorolóxicos. A idea é herdeira do proxecto Terasense, no que unha decena de universidades españolas se uniron para estudar as aplicacións que se poden obter do uso da banda de Terahercios.

Múltiples aplicacións e vantaxes
O prototipo traballa a 300 GHz e ten outras potenciais aplicacións ademais da identificación de armas e explosivos, como por exemplo na industria alimentaria pola súa capacidade para detectar corpos estraños nas cadeas de procesado. Neste sentido, os investigadores vigueses confían na súa utilidade nas cadeas de produción nas que pode ser necesario detectar corpos estraños, como as de tratamento ou empaquetado de determinados alimentos.

Os investigadores destacan tamén que os niveis de potencia requiridos para esta detección son o suficientemente baixos para non producir ningún efecto nocivo nas persoas. “Ademais, a resolución do sistema permite detectar obxectos sospeitosos como armas, paquetes de explosivos ou corpos estraños a distancia e sen invadir a intimidade das persoas”, explica García Pino, que conclúe incidindo na discreción do sistema, que se emprega sen que a persoa se decate de que está sendo examinada.

Ampla traxectoria no deseño de antenas
O grupo de Antenas da Universidade de Vigo foi o responsable do deseño da antena, que se trata dun sistema multirreflector optimizado nas súas superficies para proporcionar a máxima área de exploración posible a unha distancia de oito metros. O deseño do reflector principal e primeiro subrreflector baséase na tecnoloxía coñecida como Bifocal, sobre a que o grupo publicou un traballo recente na revista IEEE Transactions on Antennas and Propagation, “considerada como a de maior importancia internacional no ámbito das antenas”. Os investigadores destacan tamén que o sistema de exploración que permite á antena analizar o escenario baixo proba baséase no movemento dun espello plano duns 12 cm, “que dende a súa posición inclinada pode rotar a gran velocidade, ao tempo que o seu eixe percorre o escenario de arriba abaixo”. Desta maneira evítase ter que mover a antena completa, o que permite detectar en tempo real a presenza de obxectos ocultos en persoas que atravesen un determinado área de paso.

De cara ao futuro, e ata que remate o financiamento do proxecto en 2014, os investigadores seguirán traballando para terminar de calibrar o prototipo e ter imaxes completas, facer melloras para ampliar o rango e contar con diferentes distancias. Ao mesmo tempo, comezarán nas negociacións para buscarlle unha viabilidade comercial e de uso cotiá aos sistema, que se pode empregar en case calquera sector que precise localizar corpos estraños.

Fonte: duvi.uvigo.es