Oficina CEER
 10-05-2013
DEREITO ACOLLE UNHA XORNADA SOBRE A PROTECCIÓN XURÍDICA DE DISCAPACITADOS

O Salón de Graos da Facultade de Dereito da UDC acollerá hoxe a xornada titulada As persoas maiores e a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade. Este foro está organizado polo Grupo de Investigación Protección Xurídica da Persoa e a Familia e a Fundación Æquitas en colaboración co Colexio Notarial de Galicia. A súa inauguración oficial está prevista para as 10.00 horas, e a continuación, ás 10.20 horas, presentarase o libro de Antonio Legerén Molina, titulado La tutela del incapaz ejercida por la entidad pública, e galardoado co X Premio Æquitas 2011 e publicado pola Editorial Universitaria Ramón Areces dentro da Colección Æquitas titulada Por más señas, La Llave.

O obxectivo desta xornada, dirixida por María Rovira e Antonio Lengerén, é analizar a influencia da Convención da ONU de 2006 sobre os dereitos das persoas con discapacidade, que supuxo unha certa revolución nas chamadas institucións tutelares, ao apostar polo uso restrictivo da figura da incapacitación. Deste xeito, estudiaranse as distintas cláusulas no que respecta á substitución da persoa na toma de decisións, así como a necesidade de abordar a reforma dos procedementos de incapacitación xudicial para adecualos a esta convención, reflexionando en concreto sobre os mecanismos de protección das persoas maiores.

Ás 10.30 horas está programada a primeira conferencia, a cargo de Benigno Varela, maxistrado emérito do Tribunal Supremo e patrono da Fundación Æquitas, titulada Incapacitación, incapacidade, dependencia. Definición de figuras. Ás 11.45 horas intervirán Isabel Louro, decana do Colexio Notarial de Galicia, e Gonzalo López Ebri, tenente fiscal da Comunidade Valenciana, para falar sobre A Convención da ONU e a súa incidencia nas institucións tutelares. A última conferencia terá lugar ás 12.45 horas, a cargo de Víctor Manuel Vidal, notario de Nigrán, que falará sobre Autotutela e outros mecanismos de promoción da autonomía persoal.

Fonte: udc.es