Oficina CEER
 13-05-2013
SOCIOLOXÍA E FUNDACIÓN PAIDEIA ACOLLEN SEMINARIO SOBRE XÉNERO E MOBILIDADE

A Facultade de Socioloxía e a Fundación Paideia acollerán entre os días 15 e 18 de maio o Seminario Xénero, Desenvolvemento e Mobilidades, coordinado pola profesora titular de Socioloxía e Coordinadora do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais, ESOMI, da Universidade da Coruña, Laura Oso Casas. Este Seminario, que conta coa colaboración da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, achegará as actividades en co-desenvolvemento dende as políticas públicas, o terceiro sector e a academia, sempre dende unha perspectiva de xénero.

A inauguración terá lugar o mércores, 15 de maio, ás 10:00 horas, coa presenza da directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, Ana Jesús López Díaz, e a coordinadora do seminario, Laura Oso Casas. A continuación intervirá Guillermo Otero Piñeyro-Maseda, Xefe do Servizo de Formación e Coordinación Institucional de Cooperación ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia, que disertará sobre as actuacións en xénero e desenvolvemento desde o Goberno autonómico. Tamén participarán en distintas mesas redondas e obradoiros representantes de ONGs con proxectos en marcha nesta liña como Ecos do Sur, Ecodesarroio Gaia e Mestura, e achegarase os estudios en materia de xénero e desenvolvemento da man de investigadoras de distintas universidades tanto galegas como estatais. O seminario finalizará o día 18 de maio, na Fundación Paideia, onde se presentarán os resultados do proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e que dirixe Laura Oso Casas, titulado Xénero, transnacionalismo e estratexias interxeneracionais de mobilidade social. Tras esta sesión, que terá lugar ás 10:00 horas, pecharanse as xornadas coa conferencia de Amelia Sáiz López, profesora e investigadora na Área de estudos de Asia Oriental da Universidade Autónoma de Barcelona, que falará sobre A familia, produción e reprodución das mulleres chinesas en España.

Fonte: udc.es