Os de Pablo García coróanse como mellor equipo galego por segundo ano consecutivo.
Venceron por 4.5 a 1.5 a un Xadrez Ourense cheo de fichaxes estranxeiras.
Talento galego, canteira e harmonía. Esas foron as claves do éxito do Universidade de Vigo de xadrez, que se proclamou Campión Galego 2013 e revalidou un título que o converte no máximo referente do deporte da precisión mental. Fronte a un Xadrez Ourense que apostou de xeito decidido por fichaxes estranxeiras, os de Pablo García conseguiron arrancar un 4.5 a 1.5 no marcador tirando de canteira e sen a presenza de Páramos e Leirós, ambos habituais no sexteto vigués. “Nesta tempada tiñamos un reto diferente, o de defender o título, eramos os rivais a bater. Tivemos que traballar o aspecto psicolóxico cun maior énfase, pero penso que chegamos cos deberes feitos ao treito final”, asegurou o capitán, Pablo García, para quen esta foi “unha das finais do último lustro nas que a vitoria se obtivo con maior claridade”.
Vantaxe dende o comezo
A balanza comezou a decantarse dende ben cedo do lado vigués. A excelente preparación teórica na fase das aperturas deulle a Rafael Rodríguez unha vantaxe material que limitaba a unha simple cuestión técnica a primeira vitoria e o primeiro punto no marcador despois de tres horas de partida. Unha experiencia e un xogo de corte estratéxico que lle daba a Paco Carrera o segundo punto tras vencer a un dos contrincantes portugueses cunha defensa holandesa. Tras máis de tres horas e media de xogo chegaban os empates de Manuel Pena ante o Mestre Internacional Joao Viterbo e de Diego Guerra ante outro rival luso.
Co campionato matematicamente no peto, Senlle empataba fronte ao actual Campión Galego Absoluto, Fernando Sánchez, tras catro horas dunha emocionante partida na que a vantaxe mudou de bando en varias ocasións. O último punto en subir ao marcador foi o do capitán, Pablo García. “Penso que estamos a facer algo moi bo e iso o notamos ao noso arredor. Vémolo na xente do equipo, nos máis novos que están encantados de estar e formar parte do club, pero tamén no exterior, nas familias e amigos dos xogadores ou nas felicitacións que nos chegan a través das redes sociais. Iso fainos atopar forzas cando xa non hai e axúdanos a intentar superarnos unha e outra vez”, subliñou García.
De cara á Primeira División Nacional
Tras uns días de descanso, o Universidade de Vigo de xadrez volverá ao traballo co obxectivo máis importante do ano en mente: a Primeira División Nacional. Unha competición na que participan moitos dos Grandes Mestres da elite mundial e unha das ligas máis fortes a nivel internacional, onde os galegos loitarán “sen complexos”. A cita, do 19 ao 25 de agosto, terá lugar en Linares, a cidade que albergou unha das batallas máis afamadas entre Kasparov e Karpov polo título mundial.
Fonte: duvi.uvigo.es