Oficina CEER
 15-05-2013
A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO NOMEA A ANTONIO RIGUEIRO NOVO DIRECTOR DA ESTACIÓN CIENTÍFICA DO COUREL

A Universidade de Santiago de Compostela vén de nomear como novo director da Estación Científica do Courel (ECC) ao catedrático do Departamento de Produción Vexetal Antonio Rigueiro Rodríguez, quen xa fora proposto como candidato para o cargo polos membros da xunta directiva deste centro, emprazado nun singular edificio construído ao longo do ano 2009 con fondos das Consellerías de Industria e Innovación e de Medio Ambiente, ademais da propia Universidade de Santiago de Compostela, e que foi inaugurado en xuño de 2010.

Antonio Rigueiro asume a dirección da Estación Científica do Courel, o primeiro centro destas características emprazado no sur da provincia de Lugo, coa pretensión de afondar nos obxectivos que propiciaron o nacemento deste centro multidisciplinar. A Estación Científica do Courel da Universidade de Santiago de Compostela foi pensada para potenciar o carácter interdisciplinar e a cooperación entre grupos de investigación e tamén para contribuír ao desenvolvemento rural da comarca na que se atopa, en particular, e da montaña luguesa, en xeral, mediante proxectos de investigación aplicada e coa xeración dun entorno cultural máis accesible.

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC agarda así poder sortear a actual situación de escaseza de recursos económicos para desenvolver durante a súa etapa como director da Estación Científica do Courel talleres, seminarios, conferencias, cursos... que favorezan a transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade en cuestións ligadas á conservación medioambiental, agricultura, aproveitamentos de cogomelos...

Outro dos propósitos adiantados polo novo director da Estación Científica do Courel da USC atinxen ao futuro recoñecemento da Serra do Courel como parque natural, un recoñecemento que é competencia da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e ao que Rigueiro, nado do concello do Incio, ao pé da Serra do Courel, buscará contribuír coas distintas accións desenvolvidas na ECC.

Instalacións, servizos e equipamentos
Nos seus 900 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas e baixo cuberta, a Estación Científica do Courel dispón de sala de conferencias (60 prazas), laboratorios de docencia e investigación (16 e 8 prazas respectivamente), salas de estar e traballo, ademais de residencia para 8 investigadores. A planta baixa alberga a aula e os servizos xerais, polo que pode ser empregada de xeito independente para todo tipo de actos.

A Estación Científica do Courel, que tamén foi ideada como residencia de investigadores que desenvolvan o seu traballo nesta contorna, está dotada de equipamento informático, conexión a internet e material óptico (microscopios e lupas) de investigación. Asemade, estas instalacións da Universidade de Santiago de Compostela están preparadas para acoller no seu seo a organización de cursos e conferencias así como visitas relacionadas coas actividades docentes de diferentes niveis.

Dende outra perspectiva, a Estación Científica do Courel, que a mediados do vindeiro mes de xuño cumprirá tres anos da súa inauguración, pretende servir de instrumento dinamizador da comarca facilitando a institucións, entidades locais e asociacións o desenvolvemento de todo tipo de actividades.

Fonte: xornal.usc.es