Oficina CEER
 21-05-2013
ASFIXIA DE LA I+D EN ESPAÑA. COMUNICADO DE LA CRUE

“A ciencia pode contribuír a atopar respostas para saír da crise se se mantén o esforzo investidor en xeración de coñecemento e innovación” (segundo 5 científicos galardoados con medallas Field, 48 con Premios Nobel e 130.000 cidadáns).

Nesta mesma liña, desde a Comisión Sectorial de I+D da CRUE, levamos tempo reivindicando que o investimento non debe seguir ciclos económicos.

Todas as nosas voces uníronse chamando os gobernantes a cambiar as políticas de estrangulamento da I+D do noso país. Desafortunadamente constatamos, ao analizar os orzamentos de 2013, que a partida destinada a financiar a I+D segue adelgazando (7,22% respecto a 2012), situándonos en niveis de financiamento de 2005. Todo isto mentres observamos que o Ministerio de Facenda oprime máis o sistema de I+D, con atrasos incomprensibles no pago destes, coa cancelación de subvencións xa concedidas, alegando, impropiamente, o incumprimento dos obxectivos de contención do déficit das CCAA, con demoras na publicación da convocatoria de proxectos correspondente a 2013 e coa imposición de medidas para a contratación que están esnaquizando a carreira dos investigadores novos, que tantos esforzos e fondos públicos nos custou.

Lamentamos e reprobamos a descoordinación interministerial e a descoordinación entre o Goberno e as comunidades autónomas na xestión da I+D+i estatal. Particularmente, graves son os atrasos inxustificables na publicación de convocatorias de contratación de investigadores (programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Torres Quevedo…) e a alarmante redución nos programas predoutorais. A prosperidade do sistema de ciencia e tecnoloxía do noso país depende, fundamentalmente, dos novos investigadores. Persoas que, ante a falta de oportunidades e valoración, abandonan a súa carreira ou o seu país. Resulta difícil captar talento sen ser capaces de o reter.

Neste panorama desolador, a incomprensible complexidade dos procesos de xustificación dos proxectos de investigación, por parte das entidades públicas financiadoras e pola necesidade non abordada de modificación da lei de subvencións para adaptala ao sistema nacional de I+D+i, distraen os investigadores do seu labor, obrigándoos a intervir en auditorías e recursos que, adicionalmente, están colapsando os sistemas administrativos de xestión da investigación e os servizos xurídicos das universidades españolas. Todo isto redunda nunha diminución na eficiencia do sistema nacional de I+D+i, tristemente baseado na desconfianza.

Desconfianza que está na base do escaso papel que se concede á universidade, a pesar de ser onde se xera a maior parte da investigación no noso país. Desconfianza e falta de financiamento que dificilmente casan coa proliferación de comisións e novos ránkings, en que, “a cambio de nada”, pretenden que as universidades españolas aparezamos “por fin”, entre as 100 primeiras do mundo.

Con rotundidade afirmamos que as universidades estamos na mellor disposición para asumir, con responsabilidade, as necesarias reformas que fagan máis competitivo e eficiente o sistema universitario, e máis sólida e especializada a transmisión e xeración do coñecemento. Para isto, é necesario que o goberno priorice e estabilice o investimento en educación e I+D+i, dotándoa de flexibilidade e desvinculándoa da situación económica do momento. É esencial. O país dificilmente pode resistir moito tempo se non se rescata de urxencia o sistema de I+D+i e o ensino superior, sen dúbida os dous piares sobre os que se debe apoiar o noso futuro.

Fonte: udc.es