Oficina CEER
 28-05-2013
A UDC, TERCEIRA EN ESPAÑA EN DIFUSIÓN DE SOFTWARE LIBRE

A Universidade da Coruña situouse no terceiro posto entre as 72 universidades españolas na utilización do software libre, segundo o Índice de Difusión do Software Libre (IDSL), indicador que mide o compromiso das institucións académicas neste eido e que se calcula a partir de 67 indicadores que analizan todos os ámbitos da Universidade, desde docencia ata criterios tecnolóxicos, divulgación, produción, apoio institucional ou investigación. No caso da UDC, os criterios máis valorados foron os vencellados á divulgación e a investigación, tanto na cantidade de eventos celebrados e proxectos de investigación desenvolvidos sobre software libre nos que participou xunto con outras entidades como as colaboracións internacionais neste eido.

Tamén se fai especial mención a este compromiso da UDC coa cultura do software libre no portal Mancomún, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, que destaca a segunda posición de Galicia neste ranking, mencionando como punto forte o criterio de axuda, no que as universidades galegas ocupan completamente o podium. Ademais, destaca o segundo posto da UDC nos criterios de divulgación e apoio institucional. Tamén indica que aínda que os resultados son positivos e mellores respecto do ano pasado, aínda queda camiño por percorrer. Así, atendendo ao IDSL das universidades galegas, que é un valor que indica o esforzo de cada universidade por difundir o software libre, sitúase en primeiro lugar a UDC cunha puntuación de 60,63. Máis información: http://www.portalprogramas.com/software-libre/ranking-universidades/

Fonte: udc.es