Oficina CEER
 19-12-2007
A exposición ‘Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela’ rememorará o ambiente universitario galego da época

O Colexio de Fonseca da USC rememorará o ambiente universitario que se desenvolveu na universidade galega ao longo do curso 67/68 a través da exposición ‘Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela’. A mostra, que abrirá ao público entre o 28 de febreiro e o 27 de marzo de 2008, está organizada pola Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galega, coas consellarías de Educación e de Cultura e coa Obra Social de Caixa Galicia.

Esta exposición presentouse este martes 18 nun acto no que participaron o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o director da Área de Historia da Fundación 10 de Marzo, Víctor Santidrián; e o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán.

Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a universidade baixo a ditadura franquista, a mostra analiza os elementos que alicerzaron as mobilizacións estudantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e mais a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.

Esta punto de partida dá paso a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista. No espazo expositivo exporanse aqueles obxectos que poñen de manifesto a solidariedade da sociedade galega, o nacemento de Voces Ceibes, as asembleas universitarias, o peche na Facultade de Filosofía e Letras, a represión sobre o líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos.

Para achegar ao visitante a esta época, a exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, tales como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, publicacións, fichas policiais, informes gobernativos ou informes das distintas estruturas do franquismo. Xunto esta material reconstruiranse o que foron os propios acontecementos estudantís do curso 67/68 a través da música da época ou da reconstrución dunha habitación dos estudantes na que o visitante poderá atoparse con obxectos da época, prensa (exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo), carteis, discos, roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos, entre outros.

Labor de documentación
‘Do Gaudeamus igitur ao Venceremos nós’ susténtase nun intenso labor de documentación que levou a Ricardo Gurriarán ao mergullarse en numerosos arquivos, como o da Universidade de Santiago, o Arquivo Municipal de Santiago, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo da Fundación 10 de Marzo, o Arquivo Histórico Nacional (Madrid), o Arquivo do Ministerio del Interior, o do centro Galego das Artes da Imaxe, ou os da Fundación Luís Seoane e do Instituto Padre Sarmiento (csic).

Ademais destas fontes, boa parte da tarefa de documentación procede das duascentas horas de gravación que Ricardo Gurriarán obtivo das máis de cen entrevistas realizadas aos protagonistas da época o que tamén lle permitiu a recompilación de centos de documentos escritos e fotografías. Todas as entrevistas realizadas parten dunha ficha para coñecer os datos persoais da persoa entrevistada, a súa militancia política no caso de que a tivese, o seu papel nas mobilizacións e a súa valoración das mesmas. Todo o material recompilado é a base dun libro asinado por Gurriarán que analizará as mobilizacións estudantís galegas de 1968.

Actividades paralelas
De xeito paralelo á exposición, organizaranse unha serie de actos como unha sesión de cineclub dirixida por Ezequiel Méndez, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e a presentación de libros sobre o tema. Ademais, no mes de decembro de 2008 celebrarase na Facultade de Medicina da USC un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos.