Oficina CEER
 06-06-2013
A UDC CLAUSURA A PRIMAVERA AMBIENTAL CUNHA LIMPEZA DE PRAIAS

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña clausurará o ciclo de conferencias e obradoiros da Primavera Ambiental coa participación na xornada de limpeza simultánea de praias que terá lugar por toda a costa galega o venres, 7 de xuño, con motivo da celebración do Día Mundial dos Océanos.

A actividade da UDC desenvolverase coa colaboración da asociación ecoloxista ADEGA na praia de Bastiagueiro Pequeno e comezará ás 11:00 horas, establecéndose como punto de encontro a porta da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física. O obxectivo desta xornada é denunciar a acumulación de residuos no mar, atentando contra o ecosistema, e concienciar á poboación sobre a problemática deste tipo de contaminación. Así pois, a Oficina de Medio Ambiente da UDC convida a toda a comunidade universitaria a participar nesta actividade de concienciación ambiental.

A xestión dos residuos en Galicia é bastante deficiente, cada ano preto de sete toneladas de residuos, principalmente plásticos, van parar ao mar, ocasionando alén dun impacto visual moi desfavorable, un grave perigo para a fauna mariña e un grave problema de saúde pública. Estes residuos conteñen compoñentes prexudiciais e perigosos e son confundidos con alimento por moitas especies da fauna mariña. Moitas substancias químicas incorpóranse á cadea trófica e acaban na nosa dieta, afectando directamente a nosa saúde.

Máis información: http://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/actualidade/primaveraambiental.html Fonte: udc.es