Oficina CEER
 14-06-2013
INVESTIGADORES DA USC OBSERVAN UNHA ESTRELA QUE AUMENTOU 15 VECES O SEU BRILLO EN MENOS DE TRES MINUTOS

O achado, publicado en Astrophysics, detectouse no Observatorio armenio de Byurakan. “Rexistramos unha potente fulguración na estrela WX UMa, cuxo brillo aumentou case 15 veces durante uns 160 segundos”, explica a SINC o astrofísico do Observatorio Astronómico "Ramón María Aller" da USC Vakhtang Tamazian. “Ademais, durante ese tempo a estrela experimentou un cambio brusco do espectro tipo M ao B, ou sexa, pasou dunha temperatura duns 2.800 kelvins (K) a outra seis ou sete veces superior”. Astrofísicos da USC detectaron no Observatorio armenio de Byurakan unha estrela pouco luminosa que durante uns instantes despediu unha laparada tan potente que multiplicou o seu brillo case 15 veces. O achado publicouse na revista Astrophysics. As estrelas fulgurantes son intrinsecamente débiles, polo que só se poden observar en distancias relativamente curtas na escala astronómica. En concreto, nas proximidades do Sol, ata unha distancia dunhas decenas de anos luz. A estrela protagonista está na constelación da Osa Maior, a uns 15,6 anos luz da Terra, e forma parte dun sistema binario no que a súa compañeira brilla case 100 veces máis, excepto nos momentos como o observado. Segundo explican os investigadores isto pode acontecer varias veces ao ano, pero non con tanta potencia como a rexistrada agora. Brillo repentino e irregular WX UMa pertence ao reducido grupo das fulgurantes – flares, en inglés–, unha clase de estrelas variables que mostran un aumento repentino e irregular, practicamente aleatorio, do seu brillo ata cen ou máis veces nuns poucos segundos ou minutos. Despois volven ao seu estado normal nunhas decenas de minutos. Aínda que descoñecen como se orixina a fulguración, os científicos si saben como evoluciona. “ Por algún motivo xurde un pequeno foco de inestabilidade dentro do plasma da estrela que xera unha turbulencia no seu campo magnético. É entón candos e produce a reconexión magnética, unha transformación de enerxía do campo magnético en cinética, para recuperar a estabilidade do fluxo, de forma parecida ao que sucede nunha descarga eléctrica”, explica Tamazian. Esa enerxía cinética do plasma convértese en térmica nas capas altas da atmosfera e na coroa estelar. E ese grande aumento da temperatura e o brillo da estrela permiten aos astrónomos detectar os seus cambios no espectro de radiación. O investigador da USC asegura que o seguimento deste tipo de estrelas fulgurantes “nos proporciona información clave no estudo da formación e evolución estelar”. Ademais, nos casos de sistemas binarios como este “adquiren especial importancia as observacións de flares, xa que podemos investigar se existe algunha relación entre a frecuencia das fulguracións e a posición do par de estrelas na órbita, unha cuestión que permanece aberta”. Fonte: xornal.usc.es