Oficina CEER
 20-06-2013
A USC APROBA A NORMATIVA SOBRE DOBRES TITULACIÓNS E SIMULTANEIDADE DE ENSINANZAS OFICIAIS

Como se explicou no Consello de Goberno, estase a traballar no deseño da dobre titulación en Física e Química e no grao en Enxeñaría Agroalimentaria e do Medio Rural.

O Consello de Goberno aprobou a normativa sobre dobres titulacións e simultaneidade de ensinanzas oficiais na USC, de xeito que o estudantado que cumpra os requisitos de acceso correspondentes de acceso ás titulacións de grao ou de máster poida ser admitido para cursar simultaneamente dúas titulacións oficiais do mesmo ciclo. Estas titulacións deberán formar un programa curricular único que deberá ser aprobado igualmente polo Consello de Goberno.

Este novo programa docente non constituiría unha nova titulación senón que permite cursar simultaneamente dúas titulacións e ao finalizar o programa obter os dous títulos. Ademais, non suporá elaborar un novo programa de estudos, senón integrar os contidos propios de cada unha das titulacións. A normativa contempla catro sistemas para realizar a dobre titulación que se poderá desenvolver por medio de programas integrais entre centros da USC, interuniversitarios con universidades españolas, con universidades estranxeiras ou por medio de programas persoais para a simultaneidade de estudos.

O programa integral terá unha duración adicional en función do número de créditos ECTS necesarios para obter o título de cada unha das ensinanzas que constitúen o programa integral. Cando as titulacións teñan o mesmo número de créditos a duración adicional oscilará entre 3 ou 4 semestres; para titulacións cun número de créditos ECTS distinto, a duración adicional respecto do título de menor número de créditos deberá ser de como mínimo 4 semestres e para os másteres, a duración adicional será como mínimo dun semestre.

Neste sentido, a USC está a traballar no desenvolvemento da dobre titulación de grao en Física e Química e no grao en Enxeñaría Agroalimentaria e do Medio Rural, ademais de na conversión en graos dos títulos propios que actualmente se imparten en Criminoloxía ou en Xestión Hoteleira.

Outros asuntos

Ademais do nomeamento do profesor José Antonio Gómez Segade como profesor/investigador ad honorem, o Consello de Goberno tratou a Memoria Económica da USC de 2012 e a súa participación no capital social do proxecto empresarial Métrica Global SL, cuxa orixe atópase na experiencia do grupo de investigación ‘Psicoloxía do Consumidor e Usuario’; no de Software 4 Science Developments SL, vinculado ao grupo de investigación “GI-1274 – Materia Branda e Biofísica Molecular”; e en VS on Cloud SL, xurdido a partir da experiencia do grupo de investigación GI-1837 Unidade de Xestión Forestal Sostible. Outros asuntos incluídos na orde do día desta sesión ordinaria foron a prorroga extraordinaria de contrato a asociados ou o recoñecemento de complementos autonómicos dende 2012. Xa pola tarde desenvolverase unha sesión extraordinaria do mesmo órgano de goberno para explicar a convocatoria de prazas fixas de PDI.

Fonte: xornal.usc.es