Oficina CEER
 26-06-2013
INTERNET, A MELLOR ALIADA PARA SOLUCIONAR TEMAS FISCAIS

Do 8 ao 15 de xullo o campus de Ourense acollerá un curso de verán sobre a liquidación de impostos.

Os participantes aprenderán a usar recursos telemáticos como o programa PADRE.

Como persoas físicas ou xurídicas, cando chega cada ano o momento de liquidar impostos son moitas as dúbidas que se lle presentan aos cidadáns. Para solucionalas e para tratar de optimizar ao máximo a súa relación económica coa facenda pública, en Internet existen unha serie de ferramentas moi útiles para o contribuínte, ferramentas postas á súa disposición polas propias administracións. Un curso de verán do campus de Ourense afondará proximamente nesta cuestión baixo o título Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas e sociedades: teoría, práctica e ferramentas informáticas.

A formación, que se desenvolverá os días 8, 9, 10, 11, 12 e 15 de xullo na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, está coordinada polos docentes do centro Alberto Vaquero e Fidel Picos. “Os obxectivos deste curso son proporcionar ao alumnado coñecementos básicos sobre os diferentes procedementos de presentación de liquidacións prácticas mediante recursos telemáticos e favorecer a especialización dos estudantes no campo da fiscalidade aplicada por medio de ferramentas que proporciona Internet nos diferentes impostos, tanto a partir da páxina web da Axencia Estatal de Administración Tributaria como na páxina web da Consellaría de Facenda”, explica Alberto Vaquero.

Liquidacións básicas

Para conseguir que os alumnos e alumnas manexen os diferentes programas informáticos de liquidación dos impostos, o curso combinará sesións teóricas con prácticas nos laboratorios de informática, nas que os participantes resolverán diversos supostos que lles permitirán asentar os coñecementos adquiridos, de xeito que poidan aplicalos posteriormente tanto no seu eido profesional coma persoal. Durante os días de celebración, os participantes aprenderán a facer a liquidación básica e simulacións fiscais do IRPF co programa PADRE e a liquidación básica dos impostos de sociedades, de sucesións e de doazóns con programas de axuda específicos.

Os docentes encargados de falar destes temas serán os profesores da Universidade de Vigo Alberto Vaquero, Fidel Picos, Miguel Rodríguez, Xosé Carlos Álvarez e Xosé Manuel González, contando o curso ademais coa participación da asesora fiscal Beatriz Brage. “Con estes contidos e con este panel de participantes queremos dar aos asistentes unha visión máis amable da fiscalidade empregando as novas tecnoloxías. Levamos máis dunha década ofrecendo este curso, sempre actualizado ás novidades de cada ano, e sempre resulta moi produtivo para os asistentes”, apunta Alberto Vaquero.

As persoas interesadas en matricularse nesta iniciativa, que conta con dous créditos de libre elección e un crédito ECTS, poden facelo ata esgotamento das 35 prazas ofertadas. O prezo da matrícula é de 30 euros para o público en xeral; 22,5 euros para o alumnado, PDI e PAS da Universidade de Vigo e 15 euros para bolseiros e bolseiras do Ministerio de Educación ou persoas beneficiarias doutro tipo de bolsas por motivos económicos.

Fonte: duvi.uvigo.es