A Aula de Produtos Lácteos da USC celebrará unha xornada sobre o control de calidade na manipulación de alimentos
A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebrará o día 24 de xaneiro unha xornada formativa co título ‘Hixiene e manipulación de alimentos nas industrias lácteas. O papel dos operadores no control da calidade’. A temática desta xornada está centrada nos coñecementos necesarios para garantir a calidade hixiénica nos produtos elaborados nas industrias lácteas.
A lexislación, tanto autonómica como nacional, especifica as normas que deben cumprir as empresas e os traballadores en relación á manipulación de alimentos. Un dos primeiros requisitos é que todos os operarios de empresas destes sectores deben recibir, nos primeiros 30 días de traballo, unha formación en hixiene e manipulación dos alimentos adaptada á súa actividade.
Pola súa banda, as empresas dispoñen dun sistema de autocontrol baseado no sistema APPCC para asegurar a hixiene dos seus produtos, sistema que os operarios deben coñecer facilitando o seu adecuado funcionamento.
Para desenvolver esta temática, elaborouse un programa de traballo que se alongará entre as 16:00 e as 20:30 horas e que estará a cargo dos docentes do centro Luis Aldeanueva Potel e Alfonso Pérez Quintáns.
A inscrición para esta xornada pode realizarse ata o 21 de xaneiro na propia Aula de Produtos Lácteos, situada na avenida da Fábrica da Luz, chamando ao teléfono 982 25 22 31 ou a través da web www.tecal.net. O custe da inscrición é de 25 euros por persoa.