Oficina CEER
 02-08-2013
VOLVE A VIGO O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE MERGÚLLATE NO OCÉANO

Durante tres días instalarase na viguesa Praia de Samil un recinto divulgativo.

A actividade impulsada por Campus do Mar busca achegar o coñecemento do mar á sociedade.

Os días 2, 3 e 4 de agosto a Praia de Samil converterase nun pequeno laboratorio de investigación en ciencias e tecnoloxías mariñas co que o Campus do Mar pretende invitar aos cidadáns a coñecer o mar en profundidade. Durante os tres días nos que Mergúllate no Océano estará no areal vigués, os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos. Esta proposta divulgativa para todas as idades do Campus de Excelencia Internacional - Campus do Mar, que conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e o apoio do Concello de Vigo, ten como obxectivo achegar as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e destacar a importancia que para o progreso da humanidade ten coñecer e conservar os océanos.

Mergúllate no Océano, que xa estivera presente en Vigo en xullo de 2012 na porta do Sol, concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de oito obradoiros, os participantes poden descubrir por exemplo de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas, que hai nunha pinga de auga de mar ou a importancia que teñen as dunas. Os monitores, expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade formulándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, poidan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.

Horarios ininterrompidos e entrada libre
Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a Ecoloxía, a Bioloxía, a Oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída.

Os obradoiros de Mergúllate no Océano estarán abertos ininterrompidamente venres, sábado e domingo entre as 11 e as 20 horas, con entrada libre para todos os interesados en aumentar o seu coñecemento sobre o medio mariño e pasar un bo intre aprendendo.

Tamén en vilas como O Grove, Sada, Burela ou A Guarda Vigo constitúe a primeira parada desta acción que durante todo o mes de agosto percorrerá diferentes vilas galegas como O Grove, Sada, Burela ou A Guarda dentro do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 23 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña.

Fonte: duvi.uvigo.es