Oficina CEER
 01-10-2013
O FORO ECONÓMICO DE GALICIA TACHA DE “RIDÍCULA” A ACHEGA Á COMUNIDADE DO FONDO DE COMPENSACIÓN INTERTERRITORIAL

Urxen ao Parlamento galego a propor a súa reforma.

No 2005 Galicia recibía máis de 200 millóns de euros, no 2013 a cifra reduciuse a 61 e no 2014 non chegará a 50.

Galicia recibía no 2005 máis de 200 millóns de euros procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), esta cifra viuse reducida no 2013 a 61 millóns e a previsión, segundo o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano non chega aos 50 millóns, unha cantidade que desde o Foro Económico de Galicia, no que se integran economistas das tres universidades galegas, consideran “ridícula”, xa que “a este ritmo e se as cousas non cambian, a capacidade investidora da Xunta de Galicia nesta década con respecto a pasada pode reducirse nun 75%”, subliña o director do foro, o catedrático vigués Santiago Lago, ao tempo que insiste en que desde o Foro chaman a necesidade de que “Galicia se mova, no sentido de que o Parlamento se implique e pacte unha posición común, para que así poida abrirse o melón da reforma”, algo que son conscientes de que “politicamente non é doado, pero que hai que facer”.

Nunha xuntanza celebrada este luns en Santiago de Compostela, os profesores Santiago Lago, Xoaquín Fernández Leiceaga e Xoaquín Álvarez Corbacho, presentaron os resultados do informe O fondo de compesación interterritorial: unha proposta desde Galicia, un documento no que defenden que “o deterioro do FCI careceu de importancia ata o momento pola potencia dos fondos europeos, pero isto non será así no futuro”.

A “esixencia mínima” multiplica por seis a cifra vixente Desde o Foro lembran que as posibilidades de financiamento das comunidades autónomas teñen só tres camiños: endebedarse, “algo imposible coas esixencias de déficit que hai na actualidade”; gastar menos en gasto corrente, “case imposible cando os recortes están a chegar ata as propias nóminas” ou a transferencia de capital e, neste caso, ábrese unha dobre vía: FCI e fondos europeos. “Cunhas cifras do FCI que non chegan a 50 millóns e cos fondos europeos en caída podemos facernos unha idea da importancia que ten para a economía galega conseguir esta reforma”, subliña Lago.

No ano 2013 o FCI asignado a Galicia ascendeu a 61,1 millóns de euros, moi por debaixo do promedio 1990-2013, que se sitúa por riba de 200 millóns de euros. Segundo o informe exposto, o valor medio do FCI destinado a Galicia no período 2000-2009 é de 209,1 millóns de euros e este é “o límite mínimo ao que debe aspirar Galicia”, subliñan nun documento no que establecen en 336 millóns de euros a cifra coa que sería necesario contar de cara a compensar a previsible perda de fondos europeos no período de programación. “É unha cifra que multiplica por seis a cifra vixente para este exercicio e case por oito a do 2014”, subliña o director do Foro, que indica tamén que no ano 2010 Galicia representaba un 13, 95% no reparto por comunidades e, de manterse esa proporción, “obtería 417,75 millóns de euros”, cifra a que se refiren como “o límite superior ao que podería aspirar a nosa comunidade.

Reclaman unha reforma agraria centrada nos usos, non na propiedade

Xunto a este informe sobre o FCI, o Foro Económico de Galicia presentou tamén un novo documento, neste caso asinado polos profesores Manuel Varela (Universidade de Vigo) e Edelmiro López Iglesias (USC) sobre os principais desafíos e oportunidades do sector alimentario en Galicia, unha área que, ao seu xuízo, “presenta posibilidades económicas significativas, polo seu peso en produción e emprego, pero tamén a través dos efectos arrastre sobre o resto da economía a través da súa capacidade cara a exportación”.

“Hai 50 anos en Galicia había case un millón de propietarios, hoxe en día case un millón e medio” o que significa que “un de cada dous galegos é propietario dunha leira”, pero, sen embargo, hai menos de 100.000 familias que se dediquen a isto e de aí xorden numerosos problemas, entre outros, os lumes, paisaxes abandonados,etc. “Se ti tiveses toda esa terra producindo, as explotacións agrogandeiras, por exemplo, terían forraxe para que as vacas comesen e non terían que comprar uns pensos que, ademais, teñen prezos disparados nos mercados internacionais debido á presión de mercados como pode ser China”, recalca o director do foro.

Un 20% do territorio de Galicia “a monte ou abandonado” xera que os que queren producir non teñan terras para facelo e que teñan que contratar cousas que se poderían producir aquí. Con este marco de fondo, a proposta do Foro Económico de Galicia é pór en marcha unha reforma agraria adaptada ás condicións do século XXI, centrada máis nos usos e na mobilización produtiva das superficies e non tanto na propiedade. “O propietario pode seguir sendo propietario pero debe pór as súas terras ao servizo de alguén que as queira traballar e, de non facelo, ademais de ter que mantelas nas adecuadas condicións de limpeza terá que pagar un imposto”, sinala Santiago Lago, que defende que se trata do único xeito de incentivar que os propietarios poñan a disposición esas terras para un uso real.

Competencia crecente no sector alimentario

Segundo o informe asinado por Varela e López, o sector alimentario, no que inclúen o ámbito agrogandeiro e pesqueiro, ten e terá oportunidades significativas xa que se trata “dun sector moi enraizado en Galicia que xera o 9,6% da produción total galega”, pero requiren adaptacións permanentes para adaptarse a unha competencia crecente.

Estas actividades son contempladas habitualmente entre as tradicionais, pero sometidas igualmente á unha forte competencia internacional, como corresponde ao proceso de globalización. “A realidade actual lévanos a poñer o acento no peso das grandes multinacionáis da alimentación e da distribución de produtos alimentarios. Isto implica que hai que adecuar dimensión e estratexias a esta realidade”, subliñou Manuel Varela, que destacou tamén que unha parte substancial das normas nos ámbitos rural e marítimo dependen da Unión Europea, un ‘ente’ cuxas políticas atenderon frecuentemente máis aos equilibrios políticos inter-socios que á eficiencia e á sostenibilidade.

Fonte: duvi.uvigo.es