Oficina CEER
 08-10-2013
ESTUDO E UVIGO SOBRE O MECANISMO MOLECULAR DO ADN DO MEXILLÓN FAISE OCO NA MÁIS PRESTIXIOSA REVISTA INTERNACIONAL SOBRE PROTEÓMICA

O estudo axudará a entender mellor enfermidades que teñen como orixe o ADN mitocondrial.

Asinado por Ángel P. Diz, no informe colaboraron investigadores de Canadá, Reino Unido e Grecia.

A revista Molecular & Cellular Proteomics, editada pola Sociedade Americana de Bioquímica e Bioloxía Molecular e considerada a de maior impacto no campo da proteómica, ven de publicar no seu último número un artigo de investigación asinado como autor principal polo investigador da Facultade de Bioloxía, Ángel E. Pérez Diz, e realizado en colaboración con investigadores do resto de España, Canadá, Grecia e Reino Unido.

Na maior parte dos animais, incluídos os seres humanos, as crías herdan todo o seu ADN mitocondrial -responsable, entre outros aspectos, da codificación da respiración e do metabolismo enerxético oxidativo na célula- da nai. Sen embargo, no mexillón e noutros bivalvos similares os pais tamén transmiten aos fillos este tipo de ADN. No artigo publicado na prestixiosa revista os investigadores descubriron por primeira vez varias proteínas candidatas a estar involucradas neste tipo de herdanza e propoñen un novo modelo xenético que explicaría tanto a determinación do sexo como o mecanismo da herdanza do ADN mitocondrial, chamado herencia doble uniparental, DUI (Doubly-Uniparental Inheritance)”.

Posibles futuros tratamentos en humanos.
“As vantaxes e presións evolutivas que impulsan a que un organismo evolucionara cun sistema ou outro de herdanza do ADN mitocondrial seguen sendo descoñecidas”, apunta o investigador vigués, que explica que, desde o punto de vista evolutivo, este tipo de estudos podería contribuír ao coñecemento das forzas evolutivas, e incluso á teoría endosimbiótica, relacionadas coa orixe da mitocondria. Investigador no Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, Diz explica que deste tipo de coñecementos básicos arredor do ADN mitocondrial poden beneficiarse distintas áreas de estudo con posibles aplicacións en humanos. Nesta liña sinala como principais as enfermidades que teñen como orixe/causa o ADN mitocondrial ediferentes problemas relacionados coa fecundación (infertilidade, reprodución asistida...) sentando este tipo de estudos a base para o futuro desenvolvemento de tratamentos.

No caso do mexillón, explica o investigador, o novo modelo pode contribuír ademais ao entendemento do mecanismo molecular de determinación do sexo, que ata a data é totalmente descoñecido, algo que podería resultar de interese tanto para predicir, como para controlar e incluso chegar a manipular o sexo da proxenie.

Rede europea de excelencia en xenómica mariña A posta en marcha desta investigación xurdiu durante unha estancia de Pérez Diz como investigador de posdoutoramento na Swansea University no Reino Unido, no seo da rede de excelencia en xenómica mariña europea (MGE) financiada a través de fondos europeos e que tiña por obxectivo promover, desenvolver e difundir na Unión Europea e no estranxeiro, un mellor coñecemento dos ecosistemas e bioloxía de organismos mariños. Dentro desta rede, un dos temas prioritarios era tratar de entender moito mellor este fenómeno da herdanza do ADN mitocondrial (DUI) e os mecanismos moleculares subxacentes, debido ao pouco coñecemento existente sobre isto. “Xa no 2009 publicamos un primeiro traballo e agora neste novo estudo descubrimos e informamos por primeira vez unha serie de proteínas candidatas a estar involucradas neste peculiar mecanismo de herdanza”, engade o investigador, que fai tamén fincapé en que unha parte “final e importante” do estudo foi posible grazas ao financiamento español a través dun proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación, do que é o investigador principal.

Recortes e inestabilidade.
Investigador cun contrato Parga Pondal, para Ángel P. Diz esta é a súa terceira publicación como autor principal nesta revista nos últimos cinco anos. “É toda unha satisfacción e un gran orgullo, pois é a nº 1 no seu campo”, subliña o investigador, que explica que os procesos de revisión na revista son “bastante esixentes e a taxa de aceptación de artigos é do 25%”.

A satisfacción é, se cabe, maior ca nunca nesta ocasión pois está convencido de que a partires de agora será máis difícil repetir a fazaña debido aos “lamentables recortes en investigación e a inestabilidade que sofren un bo número de investigadores actualmente en España”.

As felicitacións chegaron tamén desde o estranxeiro e iniciáronse xa contactos máis formais co obxectivo de discutir o establecemento dunha rede temática internacional en temas de investigación relacionados. “Neste momento estamos discutindo a estratexia científica así como a petición de financiamento a nivel europeo”, explica Diz, que subliña que, de momento, xa amosaron interese varios grupos de investigación de recoñecido prestixio internacional “e agardemos que este incipiente interese chegue a bo porto”.

Fonte: duvi.uvigo.es