Oficina CEER
 11-10-2013
FERROL, SEDE DO ENCONTRO DA REDE DE APOIO A PERSOAS DISCAPACITADAS

O Salón de Actos do Campus de Ferrol acollerá entre os días 17 e 18 de outubro o IV Encontro da Rede de Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade nas Universidades. Como nas edicións anteriores, este foro ten como obxectivo converterse nun punto de encontro para intercambiar experiencias e coñecemento entre todas as persoas participantes, permitíndolles seguir avanzando na súa loita común a favor da igualdade de oportunidades e a transformación das universidades en espazos cada vez máis accesibles.

Estas xornadas inauguraranse o xoves 17 de outubro ás 10:30 horas nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e no que estarán presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, así como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; o director da Fundación Universia, Ramón Capdevila; a comisionada para Universidade, Xuventude e Planes Especiais da Fundación ONCE, Isabel Martínez, e representantes da Fundación ADECCO.

Tras a inauguración presentaranse os contidos do encontro e os últimos avances do grupo de elaboración dunha guía sobre recursos para estudantado con discapacidade nas universidades españolas. Xa a partir das 12:00 horas comezarán as mesas redondas temáticas, sobre aspectos como a mobilidade, as prácticas laborais e o emprego, as adaptacións curriculares, ou a inclusión de estudantado con discapacidade cognitiva na universidade.

Neste encontro, no que participarán representantes de numerosas universidades españolas así como de colectivos e organismos de apoio á discapacidade, trataranse tamén a situación dos servizos de apoio a estas persoas nas institucións universitarias, aspectos normativos en canto á súa integración, e exposición de proxectos de investigación desenvolvidos por distintas universidades.

Fonte: udc.es