Oficina CEER
 14-10-2013
COMEZAN NA USC AS AULAS ACTIVAS DE COCIÑA

Quedan aínda prazas no curso básico e no de cociña vexetariana.

Este martes 15 poñeranse aos fogóns do Colexio de Fonseca as persoas apuntadas no curso de cociña avanzada que forma parte do programa ‘ Gastronomía pedagóxica. Aulas activas de cociña’, un proxecto de gastronomía pedagóxica aberto a toda a cidadanía co que se pretende ensinar a cociñar ao tempo que se achega unha cultura de hábitos de consumo saudables e se aumenta o coñecemento do medio e dos produtos. Para este mes de outubro están previstos tamén un curso básico ou de iniciación (44 horas) e outro de cociña vexetariana (6 horas), para os que aínda hai prazas.

As clases, cun formato lúdico e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio de Fonseca. Entre os docentes estarán o profesor do CIFP Compostela (Santiago) Jorge Carou Horta, con experiencia en restauración en Galicia e Londres, e o cociñeiro e profesor do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Daniel Pulzoni.

Para conseguir toda a información sobre o resto dos cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 881811018 e 881811103.

Fonte: xornal.usc.es