Oficina CEER
 14-10-2013
COMO PERCIBIR A ECONOMÍA DENDE UNHA PERSPECTIVA MÁIS PROFESIONAL

Os profesores Sáez Ocejo e González-Portela Garrido dirixen o curso de introdución á bolsa.

As sesións formativas que acadan a súa 11ª edición impartiranse na EUEE.

O próximo 28 de outubro dará comezo a undécima edición do curso anual de introdución á bolsa ofertado pola Escola Universitaria de Estudios Empresariais. Impartido por docentes e profesionais do mundo das finanzas o curso está dirixido ao estudantado de primeiro e segundo ciclo de calquera titulación, aínda que preferentemente está destinado ao alumnado da escola e a aqueles estudantes que cursen algunha titulación relacionada coas competencias do curso: Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito Económico e Relacións Laborais. “Non é preciso ter coñecementos previos de finanzas”, sinala o profesor Sáez Ocejo, un dos directores responsables das xornadas formativas. “O alumnado inscrito adquirirá a cultura necesaria para obter a capacidade de percibir o mundo económico dende outra perspectiva moito máis profesional. Ao coller un periódico comprenderán moito mellor os conceptos e as noticias relacionados coa esfera financeira”.

Unha vintena de persoas participaron na pasada edición do curso que os organizadores consideran “unha oportunidade idónea tanto para complementar a formación consolidando as capacidades adquiridas como para actualizar os coñecementos dunha disciplina que está sometida a un continuo e frenético proceso de cambio”.

Conferencias, sesións teóricas e prácticas O programa de actividades desenvolverase ata o 6 de novembro entre as 16:30 e as 21:00 horas cunha duración total de 32 horas. A información presentarase de modo sinxelo e comprensible a través de diversas conferencias e sesións prácticas empregando as novas tecnoloxías como vehículo transmisor.
Os coñecemos e as capacidades que adquirirá o alumnado a través de diversos módulos teóricos permitiranlle entender diversos aspectos técnicos da Bolsa, dende o estudo básico ata o seu funcionamento no mercado español e as principais estratexias de inversión ou aspectos do ciclo económico e bursátil do produto.

“A maior parte do curso estará impartida por profesionais do sector con unha ampla experiencia no mercado de valores, destacando a presenza do reputado empresario Pablo Iglesias, que se encargará de entre un 40 e 50% das sesións programadas”, explica Sáez Ocejo. A parte máis práctica desenvolverase ao longo de dez días nos que o alumnado participará nunha simulación dunha acción de compravenda das accións de bolsa do IBEX-35, exercicio que lles permitirá adquirir competencias útiles de cara a investir no mercado bursátil.

O prazo de inscrición no curso estará aberto ata a mesma data do seu comezo. O seu prezo é de 100 € para os membros da comunidade universitaria e de 120 € para persoas alleas á institución.

Fonte: duvi.uvigo.es